Pon o móbil
en horizontal.
Por favor

Ourense e Canedo na mirada
frecha esquerdaINICIO

TEMAS DE CANEDO

frecha dereita NO OURENSE DE ARESTORA

 
1
Fai clic na imaxe


2


3


4


5
5 fotos

POR QUÉ o nome "canedo.eu"

Canedo e Europa son os dous extremos dos distintos campos xeográficos, consecutivos e superpostos, ós que eu pertenzo. Cando eu nacín, Canedo era un concello limítrofe co de Ourense, a capital da provincia. O lindeiro entre ámbolos dous era o río Miño.

Canedo, ata o século XIX foi un concello rural, con varios núcleos de poboación repartidos entre nove parroquias. A mediados do século, coa inauguración da estrada de Vigo (Estrada Villacastín-Vigo, en 1863) e mais a de Santiago (1870) a localidade de Ponte Maior e os diversos lugares de As Caldas -ó mesmo tempo ca Ourense- empezaron o desenvolvemento dunha inédita actividade económica e dun novo entramado urbanístico. O feito de ser un Concello que deixaba libre tránsito de mercancías (a diferencia do Concello de Ourense que mantiña un sistema de fielatos nas entradas da cidade para pagar un arbitrio por introduci-los productos), facilitou que aquel vilar que existía ó pé da Ponte Vella comezase a medrar. A competencia que o comercio desa localidade supuña para o comercio da capital motivou que xa en 1865 se intentase, sen conseguilo desa feita, a súa anexión ó Concello de Ourense.

Esa situación competitiva inda se fixo máis ostensible cando se inaugurou o ferrocarril. A liña proxectada estaba trazada, dende Os Peares ata cerca de Guillarei, xusto pola marxe dereita do Miño, o que facía dificil e custoso cruza-lo río dúas veces para poder entrar en Ourense capital. A causa diso o Goberno decidíu construí-la estación na localidade da Ponte, no concello de Canedo, co conseguinte enfado dos prohomes ourensáns.

En 1881 inaugurouse o tramo Ourense-Vigo e en 1885 o de Ourense-Monforte (onde empalmaba ca liña Palencia-A Coruña). A partir deste momento a pugna comercial establecida entre os dous concellos decantouse claramente a favor do da marxe dereita. Ó redor da estación fóronse establecendo comerciantes por xunto (almacéns), hospedaxes e casas de comidas, axencias de transportes, talleres, pequenas industrias, maestros de obras e artesáns, servicios, etc.
O barrio acolleu xente nova e emprendedora que, en pouco tempo, o convertiron nun gran centro de actividade económica e social. Varios deses novos veciños eran importantes arrieiros orixinarios de Castela que ata entón se dedicaran a intercambiar productos galegos e casteláns, pero que, unha vez que o pesado labor de transporte podía ser feito polo ferrocarril, abriran depósito nos arredores da estación e dedicaron o seu tempo a unha venta e distribución máis cuidada. Algúns (os especializados en ferretería) establecéronse en Ourense, pero a maioría fixoo na localidade de A Ponte, en Canedo.

Os comerciantes e os políticos de Ourense, sempre celosos deste Concello veciño, volveron retomar a idea da anexión. En 1926 conseguiran formar unha comisión mixta Ourense-Canedo a cal fixara as bases para unha posible fusión, pero un levantamento popular fixo que se esquecera o tema. Acabada a guerra, en 1940 impúxose una anexión. Esta pasou por diversos avatares e foi derogada, pero o Gobernador Civil tomou cartas no asunto e prepararon outra que se materializou en 1943. Os documentos (dos que máis abaixo ofrezo algunhas mostras) aparentan unha escrupulosa legalidade, pero o que nos mostran é a Historia oficial. A Historia oculta fala de relevo da alcaldía polo dictado do Gobernador, de imposicións das autoridades e de un pobo que, se ben tiña uns plazos legais para facer as reclamacións que considerase oportunas, non estaba en condicións de facelo.

Naquel momento o Concello de Ourense víu incrementado o seu territorio, non só cos vilares de A Ponte e os de As Caldas (Parroquia de Santiago das Caldas), senón tamén cas seguintes parroquias rurais:

Arrabaldo (Santa Cruz),

Beiro (Santa Baia),

Canedo (San Miguel),

Cudeiro (San Pedro),

O Castro de Beiro (Santo André),

Palmés (San Mamede),

Untes (Santo Estevo) e

Vilar de Astrés (Purísima).

Hoxe, despois de tantos anos de vida en común e, sobre todo, ca mentalidade integradora e unionista dos tempos actuais (fronte ó gusto polos localismos dos tempos pasados), sería un absurdo pretender volver cara atrás a actuación política daquel momento, por moito que daquela fose unha cacicada e unha imposición. Sen embargo, o que non nos pode impedir ninguén é que sigamos pensando que Canedo existe. Xa non será unha unidade administrativa nin terá personalidade xurídica, pero segue a ser unha bisbarra xeográfica real e un territorio específico na lembranza de moita xente.



Anexos:

Bases Comisión Mixta (1926)

Acta Concello de Ourense (1943)

Anuncios no Boletín dos dous Concellos (1943)

Certificado de ratificación do C. de Ourense (1943)

Estación vella Balneario
ESTACIÓN DO FF.CC.
Nos letreiros puña "Orense", pero estaba situada no Concello de Canedo. Didiante pódense ver os "carritos" que levaban á xente á capital.
BALNEARIO DE AS CALDAS
Hoxe está totalmente derrubado. O único que actualmente se ve no lugar son perpiaños e cachotes das paredes tirados polo chan e as correntías duns mananciais de auga quente medicinal. (Ver)
Os dous concellos
Preme no mapa para amplialo
Ver máis "Canedo" (fotos) en>FOTOS SORPRESA.
Páxina seguinteAvanzar á páxina seguinte

 

Portada-(Menú) Site-map Contacto Facebook Referencias ©:M.D.Q.-2006-2015