Teño un amigo que, xenerosamente, me facilitou unha pequena xoia de coleccionista, un Programa das Festas do Santiago Apóstolo do ano 1944, un ano despois da "anexión" de Concellos.

Para os que recorden aqueles anos e para os que teñan curiosidade por saber algo deses tempos, reproduzo aquí o tal programa. Estes, daquelas, eran, máis que nada, unha colección de anuncios publicitarios e, intercalada entre eles, a relación dos actos a celebrar.

Fixádevos, cando menos, en catro cousas:

1º.- Os actos festivos que se anuncian. Hai cousas que hoxe -fartos de festas- non se entenderían: a "gira campestre", a "animada verbena", o "paseo de moda", o "concierto de cantos gallegos", etc.

2º.- A pomposidade e retórica da redacción da época. "Bombas reales", "globos grotescos", "suntuosa procesión", "afinada orquesta", etc.

3º.- Os nomes dos anunciantes. Hai 37 da Ponte e 12 de... Ourense. Era unha forma de axudar e colaborar coas festas. Agora podemos recordalos a todos e, incluso, ver que aínda hai algún negocio que sigue en pé por obra dos seus descendentes.

4º.- Os nomes das rúas dos anuncios. Naquel momento había duplicidade de nomes. General Franco, General Mola, Calvo Sotelo, etc. poderían ser nomes do centro, pero se nos fixamos nos anuncios vemos que en todos eles pon a continuación "Puente-Orense". Son os nomes típicos da posguerra, que -coa unificación de Concellos- estaban duplicados. Vese que o Concello de Ourense aínda non tivera ocasión de buscar nomes novos para todas esas rúas que acababa de "adquirir". Ou que non se atrevía a facelo ¡vai ti saber!

Esa libretiña de 24 páxinas tiña esta portada. Para velo por dentro fai clic na imaxe.

SAÍR