Un libro de Manolo F. Sobrino

O pasado 30 de Setembro o amigo, periodista e veciño de A Ponte Manuel Fernández Sobrino, no salón da Casa Parroquial, nun acto entrañable e simpático, coa presenza das autoridades e dos “veciños de toda a vida” en condicións de asistir(1), presentou o seu libro “La Vida en A Ponte hasta 1960” (De las viñas al asfalto), no que de forma amena e ben documentada nos describe a historia recente desta localidade (non se merece que lle chamemos “barrio”). Anque se detén relatando os recordos dos anos da súa infancia e mocedade en realidade a narración abarca desde o seculo XIX, cando aquel incipiente casarío ó pé da ponte vella comeza a despegar, acolle a capitalidade do Concello que estaba en Quintela, medra cada vez máis co ferrocarril e as estradas de Vigo e Santiago, ten unha importante vida propia, é absorbido polo Concello da capital provincial e, inda así, segue desenvolvendo a súa específica actividade mercantil, social, deportiva, recreativa, etc.

Ponte Canedo sempre foi unha urbe con personalidade propia. É un fenómeno digno de ser estudado polos sociólogos. Formada por elementos humanos dispares (nativos, xentes dos arredores e de bisbarras próximas, comerciantes casteláns e leoneses, ferroviarios de toda a península, etc.) parecería que tiña que ter dado unha sociedade individualista ou dispersa, fragmentada ou, cando menos, indefinida, dividida en “guetos”. E resulta que foi todo o contrario: todos se adaptaron a todos e xurdiu unha colectividade nova e fresca, na que todos os compoñentes tiñan conciencia de ser “pontinos”. Quizais axudou o “monstro” veciño, a capital, que sempre nos quixo engulir... Quizais a separación do río e a escaseza de medios de comunicación nos obrigase a ter as horas de lecer, todos xuntos, cerca da casa... Quizais o feito de ser a maioría forasteiros recén chegados con ánimos de empezar unha nova vida facilitase a adaptación ó “status” establecido... O que fose. O caso é que se formou unha sociedade decididamente “pontina”.

Pois ben, neste contexto, Manolo non é o sociólogo que investiga nos mecanismos desa forma de ser, pero si que é o cronista que nos presenta ós personaxes humanos desa colectividade e que nos recorda ós que foron múltiples protagonistas daquel proceso de construción social. É o que nos lembra persoas reais de carne e oso, os seus traballiños, as súas anécdotas, as súas vivencias. O libro é unha lembranza entrañable, cordial, agarimosa e afectiva para todos en que coincidimos co autor no seu mesmo tempo e lugar. É unha historia (con minúscula), -distinta da Historia-, que salienta o aspecto e a categoría humana da sociedade formada polas xentes que nos precederon e que conformaron A Ponte, El Puente, Ponte Canedo ou como se lle queira chamar.

O libro, coidadosamente editado pola Deputación, é o refrexo dun concenzudo traballo de recompilación de datos, aparte da indudable memoria do autor, e está ilustrado cunha gran profusión de fotos antigas que Manolo buscou e rebuscou e que moitos veciños, entre os que me conto, aportamos encantados e moi gostosamente. Varias desas fotos pódense ver na seguinte presentación.
(É un archivo .pps de 1,79 MB. Fai clic na imaxe)

(1) "Veciños de toda a vida" somos aqueles que cando imos ó outro lado do río inda dicimos "Vou a Ourense"