Por Rosendo
Pardo Castro
É certo que non a construiron exactamente no mesmo sitio, senón cen metros máis abaixo, pero eso foi para aproveitar o mellor firme como se pode ver inda agora (cando o río leva pouca auga) nos penedos que afloran e sobre os que están asentados os piares. Esa ponte, no transcurso dos séculos tivo diversos avatares, desmoronamentos e reconstruccións. Nos períodos nos que resultaba inservible a xente seguía pasando polo vao. No inverno, en barca, e nos períodos de seca, cando o río ía máis escaso de auga, a pé por ese sitio. Coma recordo dese vao inda queda (ou quedaba, ata hai catro ou cinco anos) o vestíxio típico destes elementos fluviais: Dous camiños enfrontados, un a cada lado do río. Un camiño en liña recta que baixaba por una beira ata o bordo mesmo da auga e reaparecía e subía de novo pola autra beira. Ese camiño era o que hoxe, pola marxe dereita, leva o nome de Rúa de Rosalía de Castro e pola esquerda o chamado, precisamente, Camiño do Vao. Este nome, a moitos ourensáns, non lle di nada. Incluso hai quen pensa que o Vao (ou o Bao como vin algunha vez escrito) sería o nome dalgunha esquecida poboación. Pois non. Ese nome, “Camiño do vao” fai referencia ó primitivo e histórico vao. (“Vado” en castelán). Tan primitivo e histórico que seguramente xa se nomeaba na forma equivalente na lingua anterior ós romanos, designouse así en latín e pasou a chamarse tal como hoxe decimos, en galego, inda que, modernamente, se perdera a identificación do nome co obxeto nomeado. Proba desto último e que cando, no século pasado, sofrimos o andacio da castelanización dos nomes propios, este camiño pasou a chamarse (con ridícula incongruencia) “Camino del Vao”. A pesar da febre castelanizadora nunca vin que lle chamasen “Camino del Vado”, como daquela sería de esperar. (Se un nome se conserva a pesar de non o relacionaren co seu significado está confirmando a súa antigüidade.) Este camiño, como
lugar público máis antigo da cidade, por ser anterior a ela, merecía que fose
conservado e protexido. (O nome completo, se o consideramos un
topónimo, é o máis arcaico da cidade, moito máis que Auria, Auriensis ou
calquera outro.) Esaxerando un pouco podíamos dicir que ese espacio era
merecente de ser cercado con unha verxa para ensinarllo a turistas e escolares.
¿E que fixeron nese terreo histórico-público? ¡Construiron por riba del! ¿E qué
construiron? ¿Un museo, un hospital, algo de servicio para os cidadáns? Non.
Construiron… ¡un centro comercial! Telo consentido é algo que nos ten que dar vergonza ós ourensáns. Pero é que a cousa non queda aí. Case por onde era o vao fixeron unha pasarela peonil. Iso, en principio, está ben, pero... Hai dous "peros", a falta de un. O primeiro é que esta pasarela nun une dous espacios públicos entre ambas marxes do rio, como farían en calquera cidade moderna. Non. O que une é unha rúa pública con un centro mercantil privado. Sen necesidade porque, partindo de onde sae na marxe dereita se, en lugar de ir como vai, variara só uns cinco graos cara o leste (4 metros ó final) desembocaría nun parque público, alí existente. Esto sería lóxico e normal e, cando menos, cubriríanse as apariencias e non daría pé a pensar que o que se pretendeu foi beneficiar a ese centro privado. En segundo lugar, se esa obra se fixese un pouco máis alta, somente cunha cota de 3 ou 4 metros máis, sería unha moi útil e cómoda comunicación entre as dúas partes da cidade, cousa que hoxe non o é. Non o é porque resulta un traxecto costoso e cansino (salvo que se queira entrar no centro comercial, en cuxo caso vaise dar xustiño a unha porta de entrada.) Pero non se quixo facer nada diso e aí está e aí quedará para vergonza permanente de tódolos ourensáns. Ver aquí "complemento gráfico " Un paseo polas pontes
|