A
PALABRA NACIÓN
Por Rosendo Pardo Castro
Andan
esta temporada os dirixentes políticos galegos a voltas coa
redacción dun novo Estatuto de Autonomía sen que
haxa maneira de que se poñan de acordo. Resulta que as
diferencias principais e desacordos máximos non se dan nin
nas competencias a pedir, nin no deseño do tecido fiscal,
nin na forma de promocionar a natalidade ou de evitar que siga
emigrando xente ou Empresas, nin en moitas outras cousas que lle
afectan máis ou menos os cidadáns. O
máis grande desencontro é de cómo
cualificar a Galicia. Concretamente en se chamala nación ou
non.
O
termo, nación, é irrenunciable para os
nacionalistas de esquerda que non queren ser menos ca os nacionalistas
cataláns que o acadaron para o seu Estauto, pero
é escandaloso para a dereita, que pensa que eso pode dar
pé a posteriores reivindicacións
independentistas, e tampouco acaba de convencer ao centro-esquerda de
implantación estatal e que, igual ca os anteriores,
están supeditados ó que se pense en Madrid.
¿Qué é o que pasa con esta palabra?
Pois, simplemente, que se está sobrevalorando. Mellor dito,
que os políticos a están sobrevalorando.
Ós cidadáns de a pé parece que tanto
lle ten.
A palabra nación é o
que os lingüistas chaman una palabra polisémica, e
dicir, unha palabra con distintos significados. É unha
palabra que ten (como todas) a súa propia Historia. Deriva
do latín natio, -is, e
inicialmente significaba “nacemento” ou
“lugar de nacemento”. Neste sentido
úsao, por exemplo, Cervantes
no “Quijote”. “Era calabrés de
nación, y moralmente fue hombre de bien.. “ (Cap.
XL), “…es
un caballero novel, de nación francés, llamado
Pierres Papín” (Cap. XVIII). Despois a palabra
pasou a designar ós grupos étnicos que
residían nunha cidade para distinguir a uns grupos de
outros. (Este uso seica escomenzou na Universidade de
París.) Logo, xa no século XVIII,
adquiríu, simultaneamente, dous significados novos, parecidos, pero con matices
dintintos según o lugar. Na cultura francesa chamouse
así á comunidade humana que forma un Estado. Na
tradición alemana entendeuse por tal palabra un grupo de
xente que ten rasgos comúns (como a fala, os costumes, a
historia, etc.). A realidade é que hoxe tan varios
significados. Tanto serve para designar ó conxunto de
habitantes dun país rexido por un mesmo Goberno, como
á comunidade de persoas que ten unha cultura e
tradicións iguais, como, tamén, ó
propio territorio. Non é sinónimo de Estado, como
sabemos, pois nun gran abano de posibilidades hai, nun extremo, nacións sen Estado (como
poden ser o caso dos kurdos ou como era o dos xudeos antes do moderno
Israel) e, no outro extremo, hai Estados formados por varias
nacións (Reino Unido, Bélxica, e moitos
máis).
En consecuencia, ó ser, como
dixen, unha palabra polisémica, se se quere facer uso dela
para un documento xurídico haberá que explicitar
de cal dos significados se está a tratar. A palabra, por si
soa, non di nada, non aclara nada. O seu uso e mención, se
non leva aparellado un desenrolo xurídico e un regulamento
específico, non ten por qué presentar o
máis mínimo problema.
En calquera xeito, se ese vai ser o atranco
para que o novo Estatuto non siga adiante eu recordo aquí
outra palabra que podería valer. É
tamén palabra polisémica, igual ca outra, con
significados sinónimos ós de nación,
pero que non ten a carga emotiva ou psicolóxica que esta supón
para algúns. Refírome á palabra país. É certo que
para algúns tratadistas
“país” fai o énfase no
territorio e “nación”, na xente. Pero
isto só é unha forma de velo. De feito, na
realidade dos falantes, o mesmo se fala, poñamos por caso,
do “viño do
país” (referíndose a un lugar
xeográfico) coma de “os
paises que forman o ONU” ou “os paises de Sudamérica” (referíndose
a Estados soberanos independentes).
“Galicia é un
País de seu integrado no Reino de España
que… etc.” ¿Cómo sona iso?
Nesa frase, e dende un punto de vista
racional, tanto tería usar país coma
nación. Sen embargo, sei que hai galegos que
referendarían unha das fórmulas e
rexeitarían a outra. Sería interesante
dispoñer dunha enquisa a este respecto. Máis que
nada porque ser nación ou país
require unha condición previa e
imprescindible:
que os seus compoñentes humanos
sintan que é así.
En calquera caso, coido que, no plano
emocional, a palabra “país” non
debería de supoñer ningún problema. E
se o supuxese entón si que habería que dicir
aquilo de “apaga y vámonos”.