Onomástica das rúas de Ourense     

(TOPONÍMIA URBANA)

Os nomes das rúas:

Para ver a localización de calquera rúa consulta o noso rueiro da cidade. (Abrirase nunha ventá nova para poder alternar)

ADRIO MENÉNDEZ, Rúa.- Este nome recorda ao escritor e xornalista ourensán D. Xosé Adrio Menéndez, autor, entre outras obras, de  “Del Orense Antiguo (1830-1900”, publicada en Ourense en 1935. (Esta rúa é un tramo pequeno que quedou "descolgado" da Avenida de Santiago cando a Estación Ourense-Empalme obrigou a facer unha variante elevada sobre a vía. A variante colleu o nome da Avenida e os cachos que quedaron do trazado vello recibiron os nomes de "Adrio Menéndez", o de arriba, e "Rei Soto", o de embaixo.)
AIRAS PÁEZ (XOÁN), Rúa.- En honra do poeta galego-portugués do século XIII nacido en Reza.
ALEJANDRO OUTEIRIÑO RODRÍGUEZ, Rúa.- Nomeado "Fillo predilecto da cidade" o 5/3/2010, este persoeiro ourensán (1906-1995) foi empresario, director e propietario do xornal local "La Región". Na súa honra déronlle o seu nome o tramo inferior da Rúa Cardeal Quiroga, lugar onde por moitos anos estivo ubicada "La Región".
ALEJANDRO PEDROSA, Rúa.- Rúa adicada no seu dia polo Concello de Canedo a un veciño persoeiro, marqués de Guizamonde, dono de medio Ponte (É unha forma de falar) e promotor de diversas obras de interés colectivo coma, por exemplo, a traída de augas. (Esta rúa foi tamén partida pola Estación nova. O cacho que quedou por abaixo chámase agora "Ático Noguerol"; o resto segue co nome de sempre.)
ALEXANDRE BÓVEDA, Rúa.- Alude ó intelectual e político galeguista nacido en Ourense en 1903 e fusilado en Pontevedra en 1936.
ALFONSO ALCARAZ, Praza.- Praza dedicada ao poeta ourensán Alfonso Alcaraz del Rio (1922 - 1957). A súa obra completa foi editada postumamente por institucións ourensás. ["Mi vida está callada", "Antología poética".]
ALFONSO X O SABIO, Rúa.- En lembranza do Rei de Castela e León (Toledo, 1221 - Sevilla, 1284), fillo primoxénito de Fernando III, que vivíu na nenez nesta provincia onde aprendeu o galego, idioma que empregou na súa lírica, parte dunha inxente obra literaria. [“Cantigas de Santa María”.]
ALFREDO BRAÑAS, Rúa.- Chamada antes Estrada de Oira agora leva o nome dese periodista e poeta, ideólogo do rexionalismo galego. (Carballo, 1859 - Santiago, 1900)
ÁLVAREZ DE SOTOMAYOR (FERNANDO), Rúa.- Recorda a ese pintor español (Ferrol, 1875 - Madrid, 1960) que foi director do Museo do Prado durante 30 anos, entre outros cargos e recoñecementos.
ÁLVARO CADAVAL VALLADARES, Rúa.- Rúa na Carballeira co nome dun humanista tudense (1505 - 1575), primeiro catedrático de Gramática no Colexio Fonseca, prosista e poeta en latín e castelán.
ÁLVARO CUNQUEIRO, Rúa.- En honra do sonado escritor, poeta e xornalista en linguas castelá e galega (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981). [“Se o vello Sinbad volvese ás illas", " Escola de Menciñeiros", etc.]
AMARGURA, Rúa.- A esta calella, curta, en ángulo recto e sen saída (hoxe cando menos), que parte da Rúa San Francisco, posiblemente onde no Medioevo estaba a Porta do Tendal da Figueira, déronlle este curioso nome en 1850. ¿Sería para ter un referente cando se fala de "andar por la calle de la amargura"?
AMOR RUIBAL (ANGEL MARÍA), Rúa.- Homónimo do filósofo e teólogo nacido en San Verísimo do Barro en 1869 e morto en Santiago de Compostela en 1930.
ANGEL (ou ANXO), Praza do.- Un dos nomes que, xunto con outros patrióticos, impuxo o Concello o 16 de marzo de 1850 como iniciativa renovadora. Xustificábase o cambio por razóns progresistas e porque “muchos nombres están en gallego”. Esta, concretamente, era a "Praza do Tendal da Figueira". (Ver comentario de rúa Bailén)
ANGELITA PARADELA, Parque.- Moderno parque inaugurado no 2007 en homenaxe a Angelita Paradela Núñez (Ourense, 1901 - 1991), pedagoga, pioneira na cidade en diversos aspectos da insinanza.
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS, Rúa e xardíns.- Adicados a este escritor en lingua galega. (Noia, 1935 - A Coruña, 1992). De 1961 a 1980 estivo emigrado en Colombia. En 1986 presidíu a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi concelleiro de Noia polo BNG. ["As moradías do vento", "As torres no ar", "Nova Crónica de Indias",]
ANTÓN FAILDE GAGO, Rúa.- Rúa nas proximidades das Lagoas nominada así en honor do famoso escultor, a dicir de moitos o mellor de Galicia do século XX, nacido en Ourense en 1907 e falecido en 1979.
ANTÓN FAILDE GAGO, Xardíns de.- Pequeno parque, frente ó pavillón de deportes dos Remedios, onde está montado o Mural da Feira do Campo orixinal do coñecido escultor. (Ver referencia anterior.)
ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, Rúa.- En lembranza do político galeguista, escritor e membro da RAG (Boborás, 1884 – Pontevedra, 1929). ["A sinificación profunda do galeguismo".]
ANTÓN VILAR PONTE, Rúa.- Adicada a este xornalista en galego (Viveiro, 1881 – A Coruña, 1936), director de “Nosa Terra” e deputado polo Partido Galeguista. Considérase un dos impulsores do xornalismo en galego. ["Almas mortas", "Noiturno de medo e morte".]
ANTONIO DE PUGA, Rúa.- Conmemora ao famoso pintor do s. XVII, discípulo de Velázquez (Ourense, 1602 – Madrid, 1648).
ANTONIO JAUNSARÁS, Rúa.- En honra do que fora coengo, músico, profesor e organista da Catedral. (Murazaba-Navarra, 1897- Ourense, 1969).
ANTONIO PALACIOS, Rúa.- Rúa en Santa Ana co nome do famoso arquitecto español (Porriño, 1876-Madrid, 1945).
ANTONIO ROMÁN, Rúa.- Pseudónimo do director de cine español Antonio Fernández García de Quevedo nacido en Ourense en 1911. ["Los últimos de Filipinas", "La fierecilla domada", "Los clarines del miedo", etc]
ARACELI ANCOCHEA ROLDÁN, Rúa.- Leva o nome dunha titulada en música e profesora desa disciplina na Escola Normal de Ourense (O Barco de Valdeorras, 1893 - Madrid, 1991).
ARCEDIAGOS (ou ARCEDIANOS),  Rúa dos.- Esta rúa, situada no histórico complexo catedralicio, xa aparece co nome de Arcediagos en 1441 por ser residencia de varias destas dignidades eclesiásticas. Daquelas chegaba ata o Eiró dos Cabaleiros.
ARMANDO COTARELO VALLEDOR, Rúa (Escaleiras).- Escritor en castelán e galego e catedrático en Santiago (Vegadeo, 1879 - Madrid, 1950) ["Una cantiga célebre del rey Sabio", "Beiramar", "Contos de Nadal"]
ARTURO PÉREZ SERANTES, Rúa.- Leva o nome dun político ourensán (Bande, 1876- Ourense, 1963) que foi deputado nas Cortes desde 1946 a 1955 e Presidente da Deputación Provincial. Esta rúa, xunto co Parque de As Mercedes, forma parte do que históricamente se chamou Campo da Pía da Casca.
ARTURO VÁZQUEZ NÚÑEZ, Rúa.- Leva o nome dun periodista, académico e escritor ourensán (1852 – 1907) de producción moi polifacética en galego e en castelán. Cronista de Ourense.
ÁTICO NOGUEROL, Rúa.- Esta pequena rúa d'A Ponte leva o nome dun debuxante (Ourense, 1888 – 1942), colaborador da Xeración Nós, autor entre outras obras dun plano de Ourense.
BAILÉN, Rúa.-  Este é un dos nomes de tipo imperialista, recollidos da Historia de España, (neste caso pola batalla gañada ós franceses en 1808, na Guerra da Independencia) que o Concello da cidade (mostrando unha nula sensibilidade) impuxo en 1850 a unha chea de lugares en substitución dos nomes históricos, autóctonos e tradicionais. (Segundo conta Adrio Menéndez, o promotor da idea foi un concelleiro foráneo -ó que alcumaban “El Retórico”- que tamén quería que “Salto do Can” e “Rabo de Galo“ se chamasen, respectivamente, “Brinco de Galgo” e “Cola de Pollo”.)
BALNEARIO, Rúa e Camiño do.- A Rúa está no barrio do Pino e o Camiño por detrás da Estación de autobuses, pero ambos confluen nun punto: onde en tempos estaba o Balneario das Caldas.
BAÑO, Rúa do.- No século XIII xa tiña este nome debido a que levaba a uns baños públicos (ou balnearios), construídos polo Concello, aproveitando as augas da Burga. Antes, alá por 1260, coñeciase por Rúa do Penso (incluíndo a actual Pelaio). E máis antes, aínda, por Vicus de Balneis.
BARREIRA, Rúa da.- Nome antigo extrañamente conservado. Un documento de 1481 fala da “barreira” referíndose a este lugar polo que baixaba un rego desde a Praza do Campo. E antes, en 1238, figura co nome de Correaría. É unha das primeiras rúas do primeiro Ourense. (¿Procederá esta "barreira" de "barro"?)
BASILIO ÁLVAREZ, Rúa.- Nome do famoso crego -abade de Beiro- e activista político nado en Ourense en 1877. Morreu exiliado en EE.UU. en 1943. ["Por los agros celtas", "Abriendo el surco".] (Esta rúa hoxe esta n' A Ponte -é a da Policía Local-, pero antes da guerra levaba ese nome a actual Concordia)
BEATO SEBASTIÁN DE APARICIO, Rúa.- En lembranza deste beato galego (A Gudiña, 1502 - México, 1600) que foi, sucesivamente, labrego pobre, emigrante a México, gandeiro, carreteiro transportista, rico facendado e, ós 72 anos, frade franciscano.
BEDOYA, Rúa.- Céntrica rúa adicada ó Deán Juan Manuel Bedoya (1770 - 1850), home de ideas liberais, que foi gobernador eclesiástico de 1840 a 1847, elexido polo cabido, por estar vacante a sé episcopal. Esta rúa abríuse por un camiño que se chamaba “Carreira dos Difuntos”.
BELLAO, Rúa.- Este era o nome dun casar do antigo Canedo (chamado así en alusión a un natural de Belle -hoxe Velle-), situado na Estrada de Santiago, a medio camiño entre O Vinteún e A Ponte Maior. O avance urbanístico enguliuno, pero, como recordo, deixáronlle o nome a unha das rúas daquel entorno.
BENITO FERNÁNDEZ ALONSO, Rúa.- En memoria do escritor e historiador, natural de Entrimo (1848-1922), cronista da cidade de Ourense e membro de catro Academias.
BENITO VICETTO, Rúa.- Na zona da Universidade. Nome do novelista, poeta e historiador nacido en Ferrol (1824-1878). ["El cazador de fantasmas", "Historia de Galicia".]
BERNARDO CACHAMUIÑA, Rúa.- En honor de Bernardo González del Valle, héroe da Guerra da Independencia, máis coñecido por “Cachamuiña”, como o lugar do Pereiro de Aguiar no que  naceu en 1771 e a onde se retirou en 1831 para morrer en 1848.
BISPO CARRASCOSA, Rúa.- Dalle o nome D. Pascual Carrascosa y Gabaldón que foi un –popular- bispo de 1896 a 1904. Antes era a Rúa da Coroa.
BISPO CESÁREO, Xardíns.- Leva o nome deste bispo ourensán, burgalés de nacemento, que rexeu a diócese entre 1875 e 1895. Puxéronlle o nome en 1895, os poucos días do seu pasamento, polo sentimento pesaroso da poboación dada as súas obras benefactoras. En 1254 era o Campo das Oliveiras. Despois formaba parte da Horta do Concello. Ata o século XIX estaba fóra da cidade.
BISPO D. LOURENZO, Rúa.- Recorda ó histórico bispo (1218-1248) destacado polos seus traballos en prol da cidade, a Catedral, o Pazo Episcopal e a Ponte Vella.
BISPO MUÑOZ DE LA CUEVA, Rúa.- Nome do que foi bispo de Ourense de 1717 a 1728.
BLANCO NÁJERA, Rúa.- En memoria doutro bispo de Ourense (entre 1945 e 1952). Levantou a Igrexa de Fátima e o Seminario Maior de Erbedelo.
BLANCO AMOR (EDUARDO), Rúa.- En memoria do gran escritor galego (Ourense, 1897 - Vigo, 1979) que entre a súa monumental obra tén varias narracións ("La Catedral y el niño", "A esmorga", "Os biosbardos", …) situadas en Ourense.
BURGAS, Rúa das.-  Rúa pola que no primixénio Ourense se saía do núcleo habitado pasando ó carón das Burgas. En tempos medievais tivo unha das portas da cidade, derrubada en 1837. (+)
CALDAS, Avenida das.- Quizais lle puxeron este nome por estar nela a Igrexa parroquial de Santiago das Caldas. O topónimo de As Caldas corresponde a un lugar cercano, á beira do río, onde están, precisamente, as Burgas das Caldas (hoxe mal chamadas Termas da Chavasqueira), o cemiterio das Caldas e, en tempos, a reitoral e a primitiva igrexa románica parroquial. Volvendo á rúa, hai que recordar que na guerra chamouse “General Franco”, nome que foi cambiado polo actual ó unirse este Concello co de Ourense.
CALPURNIA ABANA, Rúa.- Esta rúa, mais ben escaleira, que conduce ás Burgas alude a un nome propio de persoa que figura, como oferente ás ninfas desas fontes, nunha lápida (ara votiva) achada cunha inscrición en latín.
CÁNDIDO FERNÁNDEZ MAZAS, Rúa.- Nome dun pintor e escritor nacido en Ourense (1902-1942). [Retratos de Luís Seoane, de Sebastián Martínez-Risco, etc. "Santa Margori", "Aleteia".]
CANLE, Rúa da.- Debe o nome a que nela dende hai moito tempo (cando só era un camiño que ia a Monte Alegre) está situada a Estación Depuradora de Augas coñecida popularmente como "A Canle" ou "El Canal". Agora, ademais, atópase alí o Auditorio Municipal e a Concellería de Cultura.
CAPELA, Rúa da.- Rúa en Peliquín que vai a carón da Capela de San Lázaro. Esta capela, que estaba no Parque de San Lázaro, foi desmontada en 1952, pero tardaron varios anos en reedificala neste novo emprazamento.
CARBALLO CALERO (RICARDO), Rúa.- Recorda ao intelectual e escritor galego dese nome. Poeta, narrador e gramático. (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) ["Poemas pendurados dun cabelo", "Auto do prisioneiro", "Gramática elemental del gallego común".]
CARDEAL QUEVEDO, Rúa.- Céntrica rúa adicada ó que foi bispo de Ourense  entre 1776 e 1818, D. Pedro Quevedo y Quintano, eminente político de talla nacional e, ó mesmo tempo, impulsor de grandes obras na cidade. Dados os seus merecementos o Papa nomeouno cardeal. Seguíu sendo bispo de Ourense, onde morreu e está enterrado.
CARDEAL QUIROGA, Rúa.- Esta rúa, aberta en 1867, chamouse primeiro Rúa de Alba, logo “Luís Espada” (nome dun deputado por Ourense que chegou a Ministro)  para adicarlla posteriormente ó macedano D. Fernando Quiroga Palacios (1867 – 1971) que foi bispo de Mondoñedo, logo arcebispo de Santiago e máis tarde Cardeal. A sucesión dos seus cargos correspondeuse coas oportunas variantes (Bispo, Arcebispo, Cardeal) na denominación da rúa. No 2010 "quitáronlle" parte da rúa para "darlla" a Alejandro Outeiriño.
CARLOS MASIDE, Rúa.- Polo pintor e debuxante nacido en Pontecesures en 1897 (†1958).
CARLOS VELO, Rúa.- Cineasta galego, exiliado en México onde foi figura clave da súa cinematografía. (Cartelle, 1909 - México, DF, 1988) En Galicia fixo algún documental curtametraxe ("Galicia", "Saudade", ...) ["Torero", "Pedro Páramo", "Cinco de chocolate y uno de fresa", etc.]
CARMEN LEGÍSIMA, Rúa.- Na zona de Portocarreiro e adicada á pintora Carmen Rodríguez de Legísima (Lousado, Piñor, 1896 - Vigo, 1980). [Obra no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, Castrelo de Vigo, etc.]
CARRIARICO, Rúa.- Leva o nome do rei suevo que, segundo a tradición, mandou edificar en Ourense unha Catedral en honor de San Martiño de Tours pola curación milagrosa do seu fillo.
CASTELAO (ALFONSO RODRÍGUEZ), Rúa.- Antes “Estrada da Lonea” agora leva este nome en memoria do famoso debuxante, escritor e político, un dos principais impulsores do galeguismo contemporáneo. (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950) ["Os vellos non deben namorarse", "Xente no rodicio", "Sempre en Galiza".]
CASTELO RAMIRO, Rúa.-  Sinala o camiño ao outeiro Coto Berredo no que en tempos medievais había un castelo defensivo da Mitra ourensá, o chamado Castelo Ramiro.
CASTELLÁ FERRER (MAURO), Rúa.- Rúa en Peliquín adicada a este escritor, nacido en Celanova en 1567 e discípulo de Frai Luís de León. [“Historia del apóstol de Iesus Christo Sanctiago Zebedeo patrón y capitán general de las Españas"]
CASTOR ELICES, Rúa.- Rúa adicada ao celanovense Castor Elices Rodríguez (1847 - 1886) quen, sendo capitán médico da Armada, ao morrer a súa amada, se recluíu en Celanova e se dedicou á poesía. [“As follas secas", "Aínda te quero", "A miña nai", ...]
CASTRO, Camiño do.- É o camiño que vai polo monte desde Oira ata Peliquín. Pasa pola beira do que, en tempos prehistóricos, era o Castro de Oira, o núcleo habitado máis próximo ás Burgas. Do Castro non quedará nada, pero o outeiro conserva o nome.
CASTRO CANSECO (FRANCISCO), Rúa.- Rúa homónima do escultor nacido en Valderas (León), pero famoso pola súa producción en Galicia (1655 – 1724). Coñecido como o “churriguera galego” deixou importantes obras en Ourense (Catedral, Sto. Domingo, S. Francisco,...)
CELSO EMILIO FERREIRO, Rúa.- Dalle nome o coñecido escritor en galego (Celanova, 1914 - Vigo, 1979) máximo expoñente dunha poesía  política e socialmente comprometida con Galicia. ["O soño sulugado", "Onde o mundo se chama Celanova", "Terra de Ningures", “Longa Noite de Pedra", etc.]
CERVANTES, Rúa.- Outra das denominacións impostas en 1850. (Co nome do eximio escritor español.) Ata entón esta rúa chamábase da Fontaiña, nome documentado xa en 1233. (Ver o dito a propósito de BAILÉN).
CESÁREO GONZÁLEZ, Rúa.- Productor cinematográfico nacido en Vigo (1903 - Finado en Madrid, 1968) que coa súa empresa Suevia Films controlou a maioría da producción española das décadas centrais do século XX.
CHANO PIÑEIRO, Rúa.- Nome artístico de Luciano Manuel Piñeiro Martínez (Forcarei, 1954-Vigo, 1995), cineasta, pioneiro do cine galego. ["Mamasunción", "Sempre Xonxa", etc]
CISNEROS, Rúa.- O mesmo caso ca o anterior. Nesta ocasión o nome do cardeal gobernante substituiu ó de Rúa do Macelo.
CLARA CAMPOAMOR, Rúa.- Rúa na beira esquerda do Barbaña adicada a esta política española (Madrid, 1888 - Lausana, 1972) defensora dos dereitos da muller e do seu sufraxio. ["El derecho femenino en España", etc]
CLARA CORRAL ALLER, Rúa.- Rúa tras a estación de San Francisco que leva o nome desta poetisa ourensá (1847-1908) considerada como a segunda muller que, históricamente, publicou en galego. ["A Herminia", "O ben na terra", "O día de San Antón", etc]
COLÓN, Rúa.- Outro “arranxo”  máis do 1850. (Para recordar a Cristobal Colón o descubridor de América.) Esta, ata entón, era a Rúa do Pelouriño. O nome fai supoñer que alí, no centro da cidade medieval, estaba o “pelouriño”, ou “picota”, onde se amarraba a certos reos para vergoña pública. Máis antes (por 1227) era a Rúa do Pumar, nome derivado do primitivo “Pomerii” e o tramo final –entre Pelaio e a igrexa da Trindade- era a Rúa do Vergal.
CONCELLO, Alameda do.- Todo o mundo a coñece por Alameda (é a Alameda por antonomasia), pero o verdadeiro nome é este completo. Deriva do antigo, Horta do Concello, que abarcaba moito máis que agora pois comprendía (antes de que a estrada de Madrid a partise) os xardíns do outro lado e, posiblemente, máis terreo de cara o norte. (+)
CONCELLO, Rúa do.- Inda que resulte estraño -e a diferencia do que ocorre noutras poboacións- esta rúa está distante do Concello. Está entre a Praza de Concepción Arenal e o Parque de San Lázaro. Non o sei, pero eu supoño que o nome virá de que tanto os terreos da rúa como os da Alameda do Cruceiro eran de propiedade municipal. Un comunal antigo chamado Cruceiro da Ponte Maior. Ó adecentar este, en 1840, a rúa, "propiedade" do Concello, collería ese nome.
CONCEPCIÓN ARENAL, Praza.-  Puxéronlle ese nome cando ubicaron nela a estatua da escritora e activista social española (Ferrol, 1820 - Vigo, 1893). ["El visitador del pobre", "La igualdad social y política", "Estudios penitenciarios".] Dita estatua estaba antes -desde 1897- nos xardíns do Bispo Cesáreo e foi traslada -con protestas populares- no ano 1969.
CONCORDIA, Rúa da.- Nome arbitrario posto recentemente en substitución do anterior (“Capitán Eloy”) considerado politicamente incorrecto por franquista. Antes da guerra era, oficialmente, “Basilio Álvarez” (hoxe con rúa en A Ponte) e antes “Rúa do Hospicio”, pero popularmente ata hai poucos anos sempre foi coñecida como “Carretera de Trives” xa que como tal foi aberta en 1879.
CORREXIDOR,  Praza do.- Debe o nome a ter alí a súa residencia -nun pazo- o primeiro Correxidor Real enviado polos Reis Católicos. Está documentado o nome dende 1484, chamándose antes “Cima de Vila”.
CURROS ENRÍQUEZ (MANUEL), Rúa.- Céntrica rúa dedicada (en 1925) ó eximio poeta e xornalista, en galego e castelán (Celanova, 1851 - La Habana, 1908) cuias obras son  pezas básicas do renacemento da literatura galega. ["Aires da miña terra", "O divino sainete".]
DALÍ, Rúa.- Como outras varias rúas do barrio d'O Couto leva o nome dun pintor famoso español. Neste caso Salvador Dalí (Figueres, 1904 - Púbol, 1989).
DAMAS, Rúa das.- Unha forma de rebautizar á "Horta dos Laranxos". Nalgún momento tamén foi "Praza do Pescado".
DANIEL GONZÁLEZ, Praza de.- Praza das Lagoas adicada a Daniel González Rodríguez, músico, primeiro director da Coral de Ruada, cargo que exerceu desde 1929 ata 1945. A súa recompilación de cantigas populares galegas está recollida no libro "Así canta Galicia", publicado en 1963 con prólogo de Otero Pedrayo.
DESENGAÑO, Rúa.- Nome enigmático posto á "Baixada ás Burgas".
DÍEZ DE LA BANDA (MARTÍN), Rúa.- Esta rúa próxima á Ponte Nova leva o nome (con erro na placa pois pón Diaz) dun dos enxeñeiros que dirixiron esa obra inaugurada en 1918 e que tanto supuxo para o  desenvolvemento da cidade. (O outro foi Manuel Fernández García). (+)
DIEGO GONZÁLEZ BLANCO, Praza.- Praza no Bellao adicada a un soldado, natural de As Barxas, Cudeiro, falecido en Afganistan nun accidente de helicóptero en Agosto do 2005.
DIEGO SARMIENTO DE ACUÑA, Rúa.- Nome que recorda a un conde de Gondomar (Gondomar, 1567 – Haro, 1626) que protagonizou varias accións militares e que foi embaixador de España en Inglaterra, misión que cumpriu con sonados éxitos.
DIEGO VELASCO, Rúa.- Leva o nome do bispo que obtivo en 1122 o privilexio (para el e mais para os seus sucesores) de rexer a cidade. Foi bispo de 1099 a  1132.
DOCTOR CABALEIRO, Rúa.- Rúa dedicada ao doctor Manuel Cabaleiro Goás (A Coruña, 1918 - Ourense, 1977), médico especialista en psiquiatría que desenvolveu o seu labor en Ourense.
DOCTOR FLEMING, Rúa.- En memoria do británico Alexander Fleming (1881-1955), Premio Nobel de Medicina, descubridor da penicilina en 1928.
DOCTOR MARAÑÓN, Rúa.- Recorda a D. Gregorio Marañón y Posadillo (Madrid, 1887 - 1960), médico e prolífico ensaísta.
DOCTOR PEÑA REY (MANUEL), Rúa.- Nome posto a modo de desagravio a este médico xinecólogo, persoeiro sonado no mundo sanitario e político ourensán das primeiras décadas do século XX. Director do Hospital Provincial entre 1931 e 1934 foi destituído dos seus cargos -xunto a outros máis- en 1936. Rehabilitado 8 anos despois.
DON BOSCO, Praza de.- Esta praza sita en fronte do Colexio dos Salesianos leva ese nome polo fundador de tal congregación, o italiano San Xoán Bosco (1815 - 1888).
DOMINGO FONTÁN  RODRÍGUEZ, Rúa.- Rúa entre o Polvorín e o Posío. O seu nome recorda a un xeógrafo e matemático (Santa María de Portas, Pontevedra, 1788-Santiago de Compostela, 1866) autor dunha carta xeográfica de Galicia de 1835.
DOUS DE MAIO, Rúa.- Nome “modernizado” en 1861. (Recordando o levantamento do pobo de Madrid contra os franceses.) Antes era a Rúa do Sal por atoparse alí o depósito e venda de tal elemento.
EDUARDO BARREIROS, Praza.- Praza cercana a Saenz Diez adicada ó enxeñoso industrial e emprendedor empresario (Nogueria de Ramuín, 1919 - Cuba, 1992) creador, entre outras actividades, da fábrica de motores e camións Barreiros.
EDUARDO PONDAL, Rúa.- En honra do gran poeta en castelán e galego (Ponte-Ceso, 1835- A Coruña, 1917), considerado como un dos creadores da  literatura moderna galega. A letra do Himno galego está tomada do seu poema Os Pinos. ["Queixumes dos pinos", "O dolmen de Dombate", "A campana de Anllóns".]
EIROCIÑO DOS CABALEIROS, Praza do.- Restauración do nome antigo (Eiró ou Curral dos Cabaleiros) procedente, polo menos, do século XV. En 1850 cambiárano por “Plazuela del Cid”.
ELADIO RODRÍGUEZ, Rúa.- En memoria de Eladio Rodríguez González (Leiro, 1864 - A Coruña, 1949), escritor e lexicógrafo, autor dun "Diccionario enciclopédico gallego-castellano".
ELIGIO GONZÁLEZ, Rúa.- Fotógrafo e documentalista da emigración. (Entrimo, 1899 - Buenos Aires, 1972) ["Imaxes de Castelao en Buenos Aires", "Centro gallego en su 50 aniversario".]
ELOY LUÍS ANDRÉ, Rúa.- Lembra e este personaxe ourensán (Verín, 1878- Madrid, 1935) que foi filósofo, psicólogo, pedagogo e escritor. ["La cultura alemana", "Nociones de psicología experimental".]
ENSINANZA (ou ENSEÑANZA), Rúa.- Debe o nome a que alí se instalou no seu día un colexio erixido polo filántropo D. Francisco Villanueva Lombardero.
ENTROIDO, Rúa do.- Rúa na zona de Erbedelo que fai alusión a esa popular festa.
ERBEDELO, Rúa de.- Antes de ser rúa era a estrada que levaba a Erbedelo, o monte que cerra polo oeste a focha ourensá. Erbedelo é un lugar de érbedos e estes son os arbustos que dan os morogos. A Estrada de Erbedelo foi construida en 1886 aproveitando, en parte, o que era a Corredoira de San Clodio ou Camiño de Reza. Nalgún momento quíxose darlle o nome de Avenida de Francia, nome que non callou.
ESTACIÓN, Praza da.- É a praza da estación de ferrocarril de Ourense-Empalme. Comprende os terreos de Renfe e a rúa e xardíns que ata hai pouco eran o comezo de "Euloxio Gómez Franqueira". Agora a placa desta está cambiada de sitio e colocada despois da praza da que falamos.
ESTRELA (ou ESTRELLA), Rúa.- Nome sen fundamento. Historicamente, mentres existiron as portas, esta era a rúa do Postigo de San Francisco, tamén coñecida, popularmente, como Creba Cús.
EULOXIO GÓMEZ FRANQUEIRA, Rúa.- En memoria do persoeiro ourensán, (Cenlle,1917 - Ourense, 1988), mestre de profesión, empresario e político. Foi impulsor do cooperativismo agrario e dun partido político centrista-galeguista.
FAUSTINO MÍGUEZ, Rúa.- Esta rúa d'O Couto, contigua á igrexa parroquial e cercana ó Colexio do Santo Anxo, leva o nome do crego escolapio (Acevedo do Río, 1831 – Madrid, 1925.) fundador da Congregación de Fillas da Divina Pastora, hoxendía espallada por todo o mundo, a cal rexe dito colexio. Foi beatificado en 1998.
FAUSTINO SANTALICES, Rúa.- Nome do músico e investigador da música tradicional galega nacido en Bande (1877-1960).
FEIRA NOVA, Rúa da.- Xa non é tan nova pero leva ese nome a rúa que vai ó Campo da Feira pola parte de abaixo, pasando polos bombeiros. Antes de ser aquí as feiras de Ourense eran non Remedios e moito antes, no Campo de San Lázaro. (As de A Ponte eran n'O Vinteún.)
FERMÍN BOUZA BREY, Rúa.- Escritor galego nado en Ponteareas (1901) e finado en Santiago (1973). Foi un dos fundadores en 1922 do Seminario de Estudos Galegos, investigador e membro da Real Academia Galega. Xuiz de profesión. ["Nao senlleira", "Seitura"]
FERNÁN PÉREZ DE BOLAÑO, Rúa.-  Esta rúa cercana á presa de Velle recorda a un sonado Comendador da Batundeira, antiga posesión da Orde Militar de Alcántara, unha das poucas que esta Orde tivo en Galicia. A rúa está próxima ó casón onde el residía.
FERNÁNDEZ SEGUÍN (PASCASIO),  Praza.- Outra praza, próxima á anterior que recorda a un xesuíta, misioneiro en Filipinas e moi viaxeiro (Rairiz de Veiga, 1711 – Bolonia-Italia, 1793). En México escribiu un libro de título longuísimo o cal  comeza  así: “Galicia. Reino de Cristo ...”
FERNANDO DE OJEA, Rúa.-  Rúa entre o Posío e o Polvorín que recorda a un dominico -Fernando ou Hernando de Ojea- ourensán (1560-1615), sonado cartógrafo que publicou a súa "Descripción del Reino de Galicia", primeiro plano do país presentado illado, como unha unidade xeográfica. Está adicado ó Conde de Lemos e impreso en 1612, en Amberes, por Juan Batista Vrint.
FERNANDO FULGOSIO,  Praza.- Praza das Lagoas que leva o nome de Fernando Fulgosio Carasa (Madrid, 1831- Ourense, 1873), escritor, arqueólogo, historiador, xeógrafo e periodista español que tén novelas e crónicas de viaxe relacionadas con Galicia. ["Alfonso, recuerdos de Galicia", "Pedro Madruga" (zarzuela), "Crónica de la Provincia de Orense".]
FERRO, Praza do.- Praza do casco histórico que, afortunadamente, conserva unha toponimia que recorda á primitiva. Esta era Cruz dos Ferreiros. En 1270 está documentada, en latín, como Crux ferraiorum, facendo alusión ó lugar onde os mercadores de ferro vendían apeiros e outras cousas dese metal. (Nalgún momento chamouse Praza de Tomás María Mosquera, nome dun senador por Ourense falecido en 1890).
FILOMENA DATO, Rúa.- Alude á poetisa en galego e castelán Dª. Filomena Dato Muruais, nacida en Ourense en 1856 e falecida na Coruña en 1929. ["Penumbras", "Follatos".]
FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS, Rúa.- En honor de D. Florentino López Alonso-Cuevillas, escritor, etnógrafo e historiador. (Ourense,1886 – 1958). En 1920 participa na fundación de "Nós”.["Prosas galegas", "A edade de Ferro na Galiza".]
FONTE DO BISPO, Rúa.-  Hoxe é nome de rúa, pero antano era o topónimo dun casarío ó outro lado do Barbaña pasado Portocarreiro. Na Idade Media pasaba por aí un camiño que levaba ó Castelo Ramiro e un bispo mandou construír alí unha fonte (alá polo século XIII) e, logo, ó seu pé foise formando o núcleo de poboación.
FONTE DO REI, Rúa.- Este recuncho triangular -medio prazola, medio rúa sen saída- situado detrás do pazo da Deputación, debe o seu nome á fonte antiga alí existente que en 1258 se chamaba “fons episcopi”, Fonte do Bispo, e logo Fonte do Rei. Conserva un escudo antigo da cidade (distinto do actual). Durante séculos estivo fóra das portas da cidade. Nun período do réxime anterior chamouse Eugenio Montes.
FORNOS, Rúa.- Rúa do casco antigo con nome felizmente conservado. En 1250 documéntase como “vico furnorum”. Fai alusión, loxicamente, ós fornos alí instalados.
FRANCISCA HERRERA GARRIDO, Rúa.- Nome dunha escritora nacida na Coruña. Obra preferentemente en galego, con 3 novelas en castelán (1869-1950). Foi a primeira muller en pertencer a RAG. ["Sonrisas e bágoas", "Nevada".]
FRANCISCO AÑÓN PAZ, Rúa.-  Rúa na zona de Erbedelo adicada e este poeta (Outes, A Coruña, 1812 - Madrid, 1878), precursor do Rexurdimento e autor duns 140 poemas en galego, portugués e castelán. ["O magosto", "A leiteira", "Hymno dos povos" (en portugués)]
FRANCISCO ASOREY, Rúa.- Este nome correspóndese co do famoso escultor nacido en Cambados e de sona internacional (1889 – 1961). Entre a súa inxente obra está "O Anxo", en Ourense, o "Monumento a San Francisco", en Santiago, e o "Monumento a Curros Enríquez", na Coruña.
FRANCISCO CONDE-VALVÍS, Rúa.- Recoñece a laboura deste persoeiro ourensán (1860 – 1928), nacido en Valverde de Allariz, mestura de poeta e empresario que quería modernizar Galicia e nese senso foi pioneiro en gandería, agricultura e, sobre todo, producción eléctrica. Foi o que dotou a Ourense –en 1894, antes que moitas outras cidades- de electricidade que producía nunha térmica nos Remedios. Foi académico da Real de San Fernando e secretario da Comisión de Monumentos de Ourense.
FRANCISCO DE MOURE, Rúa.- Corresponde este nome ó do famoso escultor (Santiago de Compostela, 1577 - Monforte de Lemos, 1636). Iniciou a súa actividade artística aos 15 anos no seu obradoiro de Ourense, onde, entre 1592 e 1624, realizou numerosos retábulos.
FRANCISCO HUERTAS, Rúa.- Rúa nas Lagoas adicada a D.Francisco Manuel de la Huerta y Vega, crego e historiador ourensán (1697-1752). Foi Cronista Oficial de Galicia desde 1737. Autor duns "Anales del Reino de Galicia", en dous tomos (Santiago, 1733 y 1736), e de "España primitiva", obras ambas moi meritorias para a súa época.
FRANCISCO LLORÉNS DÍAZ, Rúa.- Esta rúa de momento sen saída, contígua a Ponte Lebrona, está adicada a un pintor, nacido na Coruña e discípulo de Sorolla (1874-1948).
FRANCISCO SÁNCHEZ, Rúa.- Trae á memoria a un filósofo e erudito renacentista moi recoñecido no seu tempo (Tui, 1550 – Toulouse, 1623).
FREI PLÁCIDO IGLESIAS, Rúa.- Fai  alusión a un monxe celanovense e arquitecto do século XVIII, autor, entre outras obras, dun dos claustros do mosteiro de Celanova, da fachada barroca da igrexa de Sta. Eufemia e do adro da portada sur da Catedral de Ourense (Rematado en 1785).
GARCÍA FERREIRO (ALBERTO), Rúa.- Nome dun xurisconsulto, xornalista e poeta, nado en Ourense en 1860 († Santiago, 1902) que deixou obra en galego e castelán. Publicaba a revista semanal “La Defensa de Galicia”.
GARCÍA MOSQUERA (JOSÉ), Rúa.-  Recorda –desde que se abriu a rúa en 1892- ó humanista e admirado catedrático do Instituto de Ourense, poeta en galego, castelán e latín (Maceda, 1810 - Ourense,1868). ["Recordos de Azara"; Traducción ó galego de "Beatus ille", de Horacio.]
GASPAR DE ACEVEDO Y ZÚÑIGA, Rúa.- Puxéronlle este nome polo 5º conde de Monterrei (1562 - 1606) que chegaría a virrei de Nueva España e Perú. A cidade mexicana de Monterrey leva ese nome por el.
GOYA, Rúa.- Outra rúa d'O Couto con nome dun pintor. Neste caso, Francisco de Goya y Lucientes (1746-1828).  
GRAVINA, Rúa.- Nome patriótico posto en 1850. Polo almirante español que se enfrontou ós ingleses na Batalla de Trafalgar. Antes era a Rúa Escaleiriñas.
GRECO, Rúa.- Adicada -n'O Couto- ó famoso pintor Doménicos Theotocópoulos (Grecia, 1541 – Toledo, 1614).
GREGORIO FERNÁNDEZ, Rúa.- Adicada ó famoso escultor (Sarria, 1576 - Valladolid, 1636).
GUMERSINDO BUJÁN, Rúa.- Rúa da zona de Guizamonde que conmemora a un xurista e escritor ribadaviense do século XIX que acadou diversos cargos importantes na xudicatura e que escribiu libros sobre o dereito galego.
HERMANOS VILLAR, (ou IRMÁNS VILLAR), Rúa.- Esta rúa, en tempos, formaba parte da de Arcediagos (continuación en liña recta). No século XIX déronlle o nome de San Fernando e no XX o de Hermanos Villar polos irmáns D. Saturnino e D. Amador Villar Amor, pedagogos e fundadores dunha Academia -de grato recordo para moitos ourensáns- nas primeiras décadas dese século XX.
HERNÁN CORTÉS, Rúa.- Nome patriótico (o do conquistador de México) imposto en 1850 a unha sucesión de rúas que se chamaban, respectivamente, rúa do Macelo (“vicum Macelli”) ou dos Brancos, Pena Vixía (“Penam uigiliam”), Tras Palacio e rúa da Fonte Arcada.
IGLESIA ALVARIÑO (AQUILINO), Rúa.- Recorda a un poeta, ensaísta, catedrático e membro da RAG. (Abadín, 1909 - Santiago de Compostela, 1961) ["Cómaros verdes" - de 1947 - sería o primeiro libro de poemas en galego editado despois da guerra civil.]
IMPRENTA, Rúa da.- Responde o nome ó feito de que nesa rúa se instalou a primeira imprenta que houbo en Ourense. En 1892 o Concello quería cambiarlle o nome, pero ó final non o fixo polo seu significado. Antes dese nome tiña o de Travesa das Chousas.
IRMÁNS CASAS, Rúa.-  Rúa detrás da estación de F.C. adicada aos 2 irmáns Casas Blanco nados en Ourense e falecidos en Barcelona: Álvaro María (1901-1950), dinamizador cultural e escritor [“O Xardín do Castelo de Vidre", "Teatro dos Nenos", "A Illa de Ons"...] e Augusto María (1906-1973), avogado e escritor [“Esquema da nova poesía galega", "Isa folla que vai polo río", "Muiñada das estrelas" ...]
IRMÁNS MARTÍNEZ-RISCO, Rúa.- Puxéronlle este nome en homenaxe a dous insignes irmáns ourensáns, D. Manuel e D. Sebastián Martínez Risco y Macías (Curmáns de Vicente Risco). D. Manuel (Ourense, 1888-París, 1954) foi centífico e político (Deputado republicano en 1931 pola provincia de Ourense), catedrático de Acústica e Óptica na Universidade Complutense e de Física Teórica na Central de Madrid. Proposto para Premio Nobel de Física. Ó acabar a Guerra Civil exiliouse en Francia. D.Sebastián (Ourense, 1899-1977) foi avogado, maxistrado e Presidente da RAG desde 1960 ata a súa morte. Autor de numerosos ensaios sobre o dereito galego e de "Las ideas jurídicas del Padre Feijóo", publicado en 1973 polo Instituto de Estudios Ourensáns “Padre Feijóo” da Deputación Provincial. Foi o promotor do Día das Letras Galegas.
IRMÁNS XESTA, Rúa.- Rúa adicada ós irmáns ourensáns D. Juan e D. Luís Fernández Pérez, coñecidos polo alcume familiar de "Xesta". O primeiro (1870 - 1944) foi un erudito -bibliotecario, arquiveiro provincial, director do Museo-, pedagogo -fundou unha academia gratamente recordada por moitos ourensáns-, músico e pintor. ["Riqueza histórica desaparecida", "Orense antiguo: La huerta del Concejo".]. O seu irmán Luís (1881 - 1969) foi debuxante e profesor de debuxo. Director da "Escuela Provicial de Artes y Oficios" sería destituído dese cargo en 1936 por... o Gobernador Militar. En 1969 ingresou na orde de Alfonso X el Sabio .
ISAAC PIÑEIRO VARELA, Rúa.- Recorda a un "casco azul", desplazado en misión de paz e morto en accidente de coche en Bosnia (Ourense, 1975 - Mostar, 1993).
ISABEL LA CATÓLICA, Rúa.- Adicada á raiña homónima. É a rúa sen saída que remata nos retretes públicos que están debaixo dos xardíns do Padre Feixoo.
JENARO PÉREZ VILLAMIL, Rúa.- Nome que se corresponde co dun artista (Ferrol, 1807 - Madrid, 1854) que chegou a pintor de cámara de Isabel II e ó que se lle deben máis de 25.000 obras.
JOAQUÍN SOROLLA, Praza.- Na zona d'O Couto recorda a este famoso pintor español. (Valencia, 1863 - Cercedilla, 1923)
JOSÉ ÁNGEL VALENTE DOCASAR Rúa.- Rúa peonil próxima á Ponte Nova adicada a este ourensán (Ourense, 1929 - Suiza, 2000), ensaísta, crítico, traductor e, especialmente, poeta. Posedor de diversos valiosos galardóns. ["A modo de esperanza", "Tres lecciones de Tinieblas", "Cántigas de alén", ...]
JOSÉ ANTONIO MORETÓN, Rúa.- Rúa de A Ponte que leva o nome dun veciño concelleiro -en varias lexislaturas- e promotor de importantes obras públicas na zona. Falecido en 1977. (Ver Rúa do Rincón.)
JOSÉ ANTONIO NIEVES CONDE, Rúa.- Director de cine español (Segovia, 1915-Madrid, 2006). ["Balarrasa", "Surcos", etc]
JOSÉ CORNIDE, Rúa.- Celebra a personalidade de D. Xosé Andrés Cornide e Saavedra, ilustrado historiador, economista e naturalista (A Coruña, 1743 – Madrid, 1803). Autor dunha inxente obra a maioría está inédita en manuscritos conservados na Real Academia de Historia da que era secretario perpetuo.
JOSÉ FERNÁNDEZ GALLEGO, Rúa.- Dedicada ó periodista e escritor do mesmo nome (Ourense, 1886-1962). Tivo tamén diversos cargos públicos coma o de Presidente da Deputación. [“Valentín Lamas Carvajal. Estudio bibliográfico.”, “Curros Enríquez, periodista.”.]
JOSÉ GIL, Rúa.- José Gil y Gil foi un famoso fotógrafo de Ourense (As Neves, 1870 - Vigo, 1937) que logo se trasladou a Vigo e alí, ademais de fotógrafo, foi un pioneiro cineasta. Unha película súa ("Miss Ledya"), rodada en 1916 é o primeiro film de ficción feito en Galicia.
JUAN DE ANGÉS, Rúa.- Recorda  ó escultor de finais do século XVI que deixou obras en Ourense, tales coma o Coro da Catedral (en colaboración con Diego de Solís) ou o retábulo do mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil.
JUAN DE AUSTRIA, Rúa.- Esta pequena rúa que flanquea medio lateral norte da Catedral tivo en orixe o nome de Vía Sagra. En 1850 puxéronlle este nome imperial (o do famoso fillo de Carlos V comandante da flota que venceu ós turcos en Lepanto).
JUAN DE LA COBA GÓMEZ, Rúa.- Recorda  a un curioso personaxe do Ourense do século XIX (1829-1899). Agrimensor de profesión exercía de dramaturgo, poeta e escultor. Considerábase o inventor do “trampitán”, un idioma que só el entendía e no que publicaba dramas e óperas –ás veces coa traducción o castelán-. Deseñou varias cousas curiosas como o “pirandargallo”, un paraguas que cubriría todo o polo norte para regular a chuvia na terra.
JUAN XXIII, Rúa.- En honor deste carismático papa de nome  Angelo Giuseppe Roncalli (Sotto il Monte, 1881 - Roma, 1963). (+)
JULIA MINGUILLÓN, Rúa.- Rúa adxacente á Avenida de Portugal adicada á pintora Julia Minguillón Iglesias (Lugo, 1906 - Madrid, 1965). [”Escuela de Doloriñas”.]
JULIO PRIETO NESPEREIRA, Rúa.- Conmemora ó pintor e gravador ourensán de categoría internacional. (1896-1991) Foi un dos fundadores da Coral de Ruada. Antes era a Rúa Reina Victoria e antes disto a Rúa da Porta da Aira. Esta porta foi derrubada en 1837 e inda hoxe queda algunha pedra dela.
LA BELLA OTERO, Rúa.- Rúa que recorda a esta bailarina, Carolina Otero (1858-1965), nacida en Valga (Pontevedra) e famosa no París da belle epoque. Fascinou a principes, políticos e millonarios e foi musa de pintores, escultores e poetas. Ocultou a súa procedencia mentres todos pensaban que era xitana. Antes de morrer (en Niza) legou o pouco que lle quedaba (despois de ter sido inmensamente rica) aos "pobres" de Valga.
LAMAS CARVAJAL (VALENTÍN), Rúa.- Dedicada (en 1925) ó ourensán xornalista e escritor en lingua galega (1849- 1906). Fundador de O Tio Marcos da Portela. Considerado o máis importante xornalista do século XIX en Galicia. ["Espiñas, follas e frores", "Catecismo do labrego".] Esta rúa foi, sucesivamente, vico novo (en 1230), Rúa Nova e Rúa do Instituto. Pénsase que en épocas medievais formaba a xudería.
LAUREANO PRIETO RODRÍGUEZ, Rúa.- En memoria do mestre deste nome (A Gudiña, 1907 – Ourense, 1977), investigador, erudito e recompilador pacente de cantigas e contos galegos.
LEIRAS PULPEIRO (MANUEL), Rúa.- En lembranza deste médico altruísta, político federalista galego e poeta comprometido (Mondoñedo, 1854 - 1878). ["¡Non o sei!", "Un galo", "Cantares gallegos".]
LEPANTO, Rúa.- Outro nome procedente da “desfeita” de 1850. Recordando á famosa batalla. Antes era a “Rúa da obra” (documentado así en 1246), nome en consonancia co feito de que alí estaba o obradoiro onde se traballaba a pedra para a Catedral.
LIBERTAD, Rúa.- Pomposo nome posto en 1861 en substitución do de Rúa do Cárcere. Antes, alá polo 1222, chamábase Rúa das Chousas en alusión ás hortas ou cortiñas que tiñan alí as casas.
LICENCIADO MOLINA, Rúa.- Rúa entre A Chapa e Santa Ana que leva este simple nome polo que se coñece a un enigmático personaxe do século XVI, parece ser que funcionario de Felipe II, que deixou moitos escritos sobre Galicia. Entre eles "Descripción del Reino de Galicia" composto en verso en 1550.
LÓPEZ FERREIRO (ANTONIO), Rúa.- En memoria do coengo de Santiago, historiador, arqueólogo e novelista. (Santiago, 1837-1910). [“Historia de la Santa, Apostólica, Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela”.]
LÚA (ou LUNA), Rúa da.- En 1850 déronlle o nome arbitrario de Calle de la Luna. Antes era a Rúa de Cima de Vila.
LUGRÍS FREIRE (MANUEL), Rúa.- Adicada ó escritor galego dese nome (Sada 1863 – 1940), un dos fundadores da RAG. ["Ardencias", "A ponte", "Contos de Aseumedre", "Gramática do idioma galego".]
LUÍS FERNÁNDEZ,  Praza.- Praza n'A Ponte que rememora a un mestre que tiña escola no Rincón e pola que pasaron moitos pontinos que o recordan con agarimo.
LUÍS PIMENTEL, Rúa.- Dedicada a ese poeta en lingua galega. (Lugo, 1895- 1958)  
LUÍS TRABAZO, Rúa.- Nas Lagoas. En lembranza de D. Luís Vázquez Trabazo, xornalista, ensaísta, crítico de arte e pintor. Desde 1968 foi o director do “Instituto de Estudios Ourensáns Padre Feijoo” e animador cultural.
MADRE MARÍA SOLEDAD DE LA CRUZ, Rúa.- Leva o nome dunha relixiosa (Zamora, 1904 - Madrid, 1965), cofundadora co bispo D. Francisco Blanco Nájera, da "Congregación de Misioneras del Divino Maestro". Na propia rúa, no Vinteún, hai un colexio desa Congregación.
MAGDALENA, Praza da.- Nome antigo conservado. Tivo alternancia con Madanela. Nun principio era a claustra de Sta. María Nai e usouse como cemiterio ata o século XIX. O nome débese a una capela de Santa María Magdalena -hoxe desaparecida- que houbo alí na Idade Media.
MAIOR,  Praza.- Sendo este un espazo público presente en toda a Historia de Ourense tivo moitos nomes: uico do campo, Portal do Campo (datado así en 1222), Praza do Campo, Maior, Constitución, República Federal, Plaza Nacional e, actualmente, de novo, Praza Maior, o mesmo nome que lle puxeron no século XVI cando se edificou a primeira Casa Consistorial no que inda era a Praza do Campo.
MANUEL ANTONIO PÉREZ SÁNCHEZ, Rúa.- Adicada a este poeta en galego e político galeguista. (Rianxo, 1900 - A Coruña, 1930). ["O sol da libertade", "De catro a catro".]
MANUEL FERNÁNDEZ GARCÍA, Rúa.-  Esta rúa situada nas Lagoas debe o seu nome a este enxeñeiro, compañeiro e colega de Díaz de la Banda no proxecto e dirección das obras da Ponte Nova inaugurada en 1918. (+)
MANUEL MURGUÍA, Rúa.- Adicada a D. Manuel Antonio Martínez Murguía (Arteijo, 1833 - A Coruña, 1923). Historiador e literato galego. Primeiro presidente da Real Academia Galega. Casado coa poetisa Rosalía de Castro. ["Don Diego Gelmírez", "Galicia", "Historia de Galicia", "Los Precursores".]
MANUEL PEREIRA, Rúa.- Juan Manuel Pereira de Castro (Redondela, 1820 - Barbadás, 1896) político e diplomático de finais do século XIX. Foi deputado e senador por Pontevedra e Ourense (tiña casa en Barbadás). Embaixador no Imperio da China y e nos Reinos de Siam e Annam. Froito dos seus viaxes escribíu Los países del Extremo Oriente. Sendo un fidalgo de talante aventureiro tiña moitos seareiros que celebraban as súas aventuras políticas. Unha vez retirado vivíu os seus derradeiros años, vinteún, en Barbadás. A súa figura serviulle a Otero Pedrayo para a obra "O Señorito de Reboraina". O Concello púxolle o seu nome á actual Rúa de Pontevedra, pero cando nomearon así a esta -por unha festa de confratenización interprovincial- acordaron -para que Manuel Pereira non se quedase sen rúa- darlle tal nome á actual.
MARCELO MACÍAS, Rúa.- Nome dado á Estrada de Celanova para honrar a memoria deste persoeiro, leonés de nacemento (Astorga , 1843 – A Coruña, 1941), crego, profesor e gran orador, vencellado a Galicia toda a súa vida e, moi concretamente, a Ourense onde foi director do Instituto, do Museo e da Escola Provincial de Artes e Oficios. Erudito e literato en prosa e en verso. Posedor de numerosos títulos. Declarado Fillo Adoptivo de Galicia, conxuntamente, polas catro Deputacións Provinciais.
MARCIAL VALLADARES, Rúa.- Rúa semi-rural en Oira que alude ó escritor en linguas castelán e galega, recordado polo seu “Diccionario gallego-castellano” (1884).  (Pontevedra, 1821- 1903) ["Maxina ou a filla espúrea" -1ª novela en galego-, "Soidades".]
MARIE CURIE, Rúa.- Rúa sen saída en Mariñamansa adicada a Maria Salomea Sklodowska-Curie, máis coñecida por Marie Curie, científica polaca nacionalizada francesa (1867 - 1934), receptora de dous Premios Nobel, pioneira no campo da radioactividade.
MARIÑA, Praza da.- En honor á Mariña Española.
MARTÍN CODAX, Rúa.- En lembranza dese trovador vigués dos séculos XIII-XIV. ["Ondas do mar de Vigo", "Mia yrmana fremosa treides comigo", ...]
MARTÍNEZ PADÍN (LEOPOLDO), Rúa.- Nome dun historiador, poeta e xornalista nacido en Tui en 1823. (Falecido en 1950). ["Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia", "Suspiros del corazón".]
MARTÍNEZ SUEIRO (MANUEL), Rúa.- En memoria dun xuíz e investigador, correspondente de tres Reais Academias. Autor, entre outros traballos xurídicos e sociolóxicos, de “Fueros Municipales de Orense”, editado en 1912.
MATEO DE PRADO, Rúa.- En recoñecemento deste gran escultor, unha das grandes figuras do barroco galego (Sobrado-A Coruña, ? - Santiago, 1677) con obras espalladas por toda Galicia. Na Catedral de Ourense hai varias pezas súas.
MATILDE LLORIA, Rúa.- En honor da poetisa Dª. Matilde González Palau, coñecida por Matilde Lloria (Almansa, Albacete, 1912 - Valencia, 2002), que escribiu en castelán, catalán e galego. Residiu en Ourense desde 1942, onde foi homenaxeada en 1954  [“Caixiña de música”, “Dou fe”, “Diario de una adolescente”.]
MELCHOR DE VELASCO,  Rúa.- Recorda a un arquitecto nacido en Cantabria que chegou a Galicia en 1658 para traballar en Santiago e que despois fixo importantes obras en todo o país. Como a Igrexa do Mosteiro de Celanova ou a restauración da Ponte Maior de Ourense. O airoso arco central é obra súa, de 1662. Esta rúa segue, en parte, o trazado do Camiño Vello de Rabodegalo, datado xa no século IX.
MENDIÑO Rúa.- Esta rúa (unha das tres sen saída que parten da rúa Santo Cristo, rememora a figura do xograr medieval Mendiño ou Meendinho do que se conserva a cantiga de amigo "Sediam'eu na ermida de San Simón".
MERCADO, Rúa do.- Debe o nome a que pasa á beira da Praza de Abastos da Ponte. Hai 50 anos a metade da actual rúa, incluindo os seus solares, pola parte da Ponte Nova, era unha extensa chaira, aberta, na que xogaban os rapaces. Coñecíase como “Viña del pueblo”. En 1949 iniciáronse as xestións para a súa urbanización.
MERCEDES,  Praza das.- Esta praza ou xardín, xunto coa rúa Pérez Serantes era, históricamente, un dos campos públicos situados fóra da cidade. Este, concretamente, era o Campo da Pía da Casca. En 1934 puxéronlle Praza de Vigo, pero agora volve ter o nome que tiña antes, posto en 1850, pola capela alí existente.
MESTRA PAZ SUEIRO, Rúa da.- En honra desta docente directora do colexio fundado polo seu pai.
MESTRE ALBINO NÚÑEZ, Rúa.- Rúa no Campus Universitario en honor de D. Albino Núñez Domínguez (A Merca, 1901 - Ourense, 1974), pedagogo, ensaísta e poeta ["Romanzas da terra maina", "Temas de pedagogía", "Ensaios e artigos".]
MESTRE VIDE, Rúa.- En honor do músico ourensán  D. José Fernández Vide (1893-1981), excelente e prolífico compositor.
MODESTO FERNÁNDEZ, Rúa.- Esta curta rúa formou parte da Praza do Pescado e –noutra época- foi a Rúa das Olas. En 1897 era a Rúa Tetuán, pero nese ano déronlle o actual en honor de D. Modesto Fernández y González, ourensán, doutor en dereito, alto funcionario, escritor de economía, literato e periodista. Condecorado en varios países. [“Viajes a Portugal”, “Colección de retratos y semblanzas”.]
MONTERREI,  Rúa.- É o tramo final da Rúa de San Pedro, o que fai ángulo co resto da rúa que se segue a chamar S. Pedro.
MORATÍN, Rúa.- Supoñemos que leva este nome polo escritor castelán Leandro Fernández de Moratín (Madrid, 1760 - París, 1828). É o tramo de rúa que vai por diante do Museo Arqueolóxico. En tempos motivou o chamado “preito do curral”.
MURILLO, Rúa.- Rúa d'O Couto adicada ó famoso pintor Bartolomé Esteban Murillo (Sevilla, 1617 - Cádiz, 1682).  
NICOMEDES PASTOR DÍAZ, Rúa.- En atención a este galego escritor e político. (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) Fundador dos xornais El Heraldo y El Sol . ["Poesías", "Alborada", "De Villahermosa a la China", "Los problemas sociales".]
NORIEGA VARELA (ANTONIO), Rúa.- Dalle nome ese poeta con obra exclusivamente en galego (Mondoñedo, 1869-Viveiro, 1947). ["Do Ermo", "Montañesas".]
NOSA SRA. DA SAINZA, Rúa.- Leva este nome recordando ó santuario homónimo que hai no Concello de Rairiz da Veiga e que celebra unha Batalla de mouros e cristiáns cada 24 de Setembro, día da Mercede.
NOSA SRA. DO CRISTAL, Rúa.- Alude á Virxe venerada en Vilanova dos Infantes, cerca de Celanova. A igrexa é do século XVIII. Unha antiga lenda inspirou a Curros o seu poema “A Virxe do Cristal”.
NOSA SRA. DO VISO, Rúa.- O nome fai referencia á Capela de Nosa Señora do Viso, erguida na cima do monte do mesmo nome pertencente á Serra de Leboreiro. Concello de Lobeira. Hai referencias documentais de 1658.
NOVA, Rúa.- Este nome tan socorrido existiu –quizais- desde sempre. O que pasa é que co paso do tempo foi designando lugares distintos. É deses nomes espontáneos, que nacen como adxectivos e tales son ata que, como neste caso, se oficializa. Agora é a rúa que corre á beira do Colexio Universitario (antes Hospital Provincial).
NUÑO DE OUSENDE, Rúa.- Toma o nome dun persoeiro ourensán un tanto lendario. Escudeiro, procurador do Concello de Ourense e alcalde Maior da Santa Irmandade. Apenas se se sabe algo del, pero debía de ser alguén porque aparece como asinante en moitos documentos de mediados do século XV.
OLVIDO, Rúa del.- Nome anodino posto ás “escadas ó carón de Sta. María Nai”. En 1850, claro. En galego sería Rúa do Esquecemento.
OTERO PEDRAYO (RAMÓN), Rúa.- Rúa central de As Lagoas adicada ó sempre admirado D. Ramón (Ourense, 1881 – 1976), xeógrafo, catedrático e escritor prolífico en linguas galega e castelá. Autor dunha copiosa obra é unha das máximas figuras da literatura galega do século XX. ["Arredor de si", “Escrito na néboa", "Teoría da Paisaxe", "Ensaio sobre a cultura galega", etc.]
PABLO IGLESIAS, Rúa.- Recordo do político fundador do Partido Socialista Obrero Español, PSOE (Ferrol, 1850 - Madrid, 1925).
PABLO PICASSO, Rúa.- Rúa d'O Couto adicada ó famoso pintor Pablo Ruiz Picasso (Málaga, 1881 - Moulins, Francia, 1973).  
PADILLA, Rúa.- Nome procedente do “decretazo” de 1850. Supoñemos –sen podelo asegurar- que é un nome inspirado no de Juan de Padilla, un dos líderes do levantamento comuneiro na Castela do século XVI.
PADRE FEIJOO, Rúa.- Nome posto en 1861 en memoria do ourensán Frei Benito Xerónimo Feijoo y Montenegro (Casdemiro-Melias, 1676 - Oviedo, 1764). Erudito e benedictino, un dos espíritos máis universais do seu tempo, expoñente do racionalismo ilustrado. ["Teatro crítico", "Cartas Eruditas".]
PADRE FEIJOO, Xardíns.- Estes xardíns están algo alongados da Rúa do mesmo nome, pero están adicados ó mesmo eximio ourensán. (+)
PADRE SARMIENTO, Rúa.- En recoñecemento ó frade bieito Martín Sarmiento (Villafranca del Bierzo, 1695 - Madrid, 1771), erudito que tratou con agarimo diversos temas galegos. ["Catálogo de voces y frases de la lengua gallega", "Coplas gallegas y Glosario", "Sobre los castellanos de Orense", "Nacimiento y crianza de San Fernando en Galicia" editado polo Deán Bedoya.]
PARADA JUSTEL (RAMÓN), Rúa.- En honor do célebre pintor galego (Esgos, 1871 – Ourense, 1902), de estilo impresionista, premiado en diversas exposicións e instalado en Madrid ata que en 1900 é nomeado profesor da Escola de Artes e Oficios de Ourense.
PARDO BAZÁN (EMILIA ) Rúa.- Dedicada á famosa escritora (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921), condesa de Pardo Bazán, poeta e narradora, un dos máximos expoñentes do naturalismo na novela castelá. ["La tribuna", "Los pazos de Ulloa", "La madre naturaleza", "Cuentos de Marineda".]
PARDO DE CELA, Rúa.- Lembra ó mítico Mariscal galego do século XV enfrontado á futura raíña Isabel por ser partidario de Xoana.
PASCUAL VEIGA, Rúa.- Dedicada ó compositor dese nome (Mondoñedo, 1842 - Madrid, 1906), autor da famosa “Alborada Gallega” (Alborada de Veiga) e da música do himno de Galicia, con letra do poema Os pinos de Eduardo Pondal.
PASEO, Rúa do.- Desde hai moitos anos esta rúa (a primeira que se decretou como “peonil” en Ourense) foi o “paseo” urbano por antonomasia transformando tal actividade –o paseo- nun “acto social” da cidadanía ourensá. Aberta en 1873 para unir a rúa San Miguel co Campo de San Lázaro tivo diversos nomes oficiais (as veces diferenciando os dous tramos): A Travesía, Paz Nóvoa + Vicente Pérez-Fermín Galán (en 1931), Pablo Iglesias, e José Antonio + Calvo Sotelo (no franquismo). Sen embargo popularmente sempre foi coñecida como Rúa do Paseo, nome oficial actual. (+)
PAXARO, Rúa do.- Nome gratuíto posto en 1850. Nalgún documento antigo descríbese como “calella que vai á Pía da Casca”.
PAZ, Rúa da.- Puxéronlle este nome en 1839 –con gran celebración popular- para conmemorar a “Paz de Vergara”, firmada ese mesmo ano dando fin á primeira guerra carlista, pero para poñer tal denominación anularon a que tiña, “Rúa dos zapateiros”, que se remontaba, polo menos, o ano 1.222 no que está documentada. (Inda hoxe segue habendo alí varias zapaterías.)
PAZ NÓVOA, Praza.- Adicada a D. Xosé Manuel Paz Nóvoa, xurisconsulto, catedrático de instituto e político local (Ourense, 1817 - 1895). Antes tivera dedicado un tramo do Paseo, pero "perdeuno" ante “Calvo Sotelo”.
PAZ PARADA PUMAR, Rúa.- Leva o nome dunha médica ourensá especialista en análises clínicos. (Canedo, Ourense, 1905 - Ourense, 2005) Foi a primeira muller inscrita no Colexio de Médicos de Ourense.
PECO, Parque (miradoiro) do.-  Hai anos entre Quintián e As Caldas había un terreo a monte que hoxe está ocupado pola Estrada de Vigo (abaixo) e un xardín longo (arriba). Este xardín leva o nome que indicamos porque todo aquilo era coñecido como "O monte do Peco", en alusión o alcume que tiña o propietario.
PEDRO MONTEAGUDO, Praza.- Praza no Couto en recordo deste arquitecto do século XVII, nado en Sta. Baia de Castro (Cerdedo-Pontevedra), autor -entre outras- da fachada do mosteiro de San Xoán de Poio ou da igrexa do mosteiro de Sobrado dos Monxes, obras significadas do barroco galego. Tamén participou no mosteiro de Celanova.
PELAIO, Rúa.- Nome  partícipe da “arroutada” de 1850. Desde o século XIII era a Rúa do Penso. (Alude ao nobre astur que iniciou a Reconquista en Covadonga.)
PENA DO VAO, Rúa.- Rúa en Vista Fermosa que recolle o nome dun anterior topónimo nas proximidades do río Miño.
PENA REDONDA,  Rúa.- O mesmo caso ca o anterior, pero situado na ladeira do Monte Alegre.
PENA VIXÍA,  Praza.- Nome histórico hoxe restrinxido a un curruncho pero que en tempos abarcaba boa parte da actual Hernán Cortés.
PERIGO, Rúa do.- Parece que é nome vello. ¿A razón de chamarse así? ¡Vaia vostede a saber por qué!
PERO MEOGO, Rúa.- Rememora a un xogral galego-portugués do que se conservan cantigas (como “Levantous´a velida”), pero non datos persoais. Suponse que foi contemporáneo do rei poeta D. Dinís que reinou de 1279 a 1325.
PIZARRO, Rúa.- En 1850 déronlle este nome (polo famoso descubridor e conquistador) ó que en 1390 era “Rúa Escura” e máis tarde “Obscura”.
PILAR MIRÓ, Rúa.- No 2004, con motivo dunha homenaxe do IX Festival de Cine Independente de Ourense a esta directora de cine e realizadora de televisión (Madrid, 1940 - 1997) déronlle o seu nome a esta rúa do Vinteún.
PONTE LEBRONA, Rúa.- Esta rúa, (ou o que queda dela pois foi comida polos accesos á ponte do Milenio) era a que facía ángulo recto coa rúa dos Remedios, partindo, precisamente, da ponte Lebrón. Quedan unhas casas en ruínas e, na primeira delas, a placa co nome.
PONTE PELAMIOS, Rúa.- Esta rúa leva un nome que en tempos se refería a todo un núcleo urbano e este, á súa vez, tomábao da histórica Ponte dos Pelamios, sobre o río Barbaña, nome que fai pensar na ubicación alí dunha industria de coiros. (Pelamio -"pelambrera" en castelán- son os píos onde se mergullan as peles para quitárlle-lo pelo.) Esta ponte foi levada pola tristemente célebre riada de 1945.
PONTEVEDRA, Avda. de.- Chámase así desde 1934. Ata entón era Rúa Pereira e anteriormente Concello; pero moito antes, en tempos medievais, o primeiro tramo era a Rúa da Porta do Concello e, pasada esta porta, xa era “Horta do Concello”. A tal porta foi unha das tres últimas en desaparecer. En 1837.
PORTOCARREIRO, Rúa.- Este era o nome dun núcleo rural á beira do Barbaña que xa existía no século XV. Agora, ó urbanizaren a zona, quedou como nome da rúa principal.
PORTO VELLO, Rúa do.- Rúa no extremo norte de As Lagoas, preto de onde históricamente había un porto de barcas para cruza-lo río, chamado así precisamente.
PRADO LAMEIRO, Rúa.- Adicada ó poeta e xornalista  D. Xavier Prado Rodríguez máis coñecido como Prado Lameiro (Ourense, 1874-1942). Autor de poesía e pezas teatrais que representaba a Coral de Ruada da que el foi un dos fundadores. ["A carón d'o lume”, “Cóxegas e moxetes”, “Monifates”,  “Farsadas”.]
PREGO DE OLIVER (MANUEL), Rúa.- En honor deste pintor (Ourense, 1915-1986) que viviu sempre en Ourense, pero de sona internacional.
PRIMAVERA, Rúa.- Outro dos nomes arbitrarios, que xunto cos patrióticos, conformaron o rueiro de 1850. En tempos chamábase Rúa da Carnicería.
PROFESOR MANUEL SUEIRO, Praza.- Praza dedicada a un ensinante (Limeres, Pontevedra, 1890 - Ourense, 1962) fundador en 1922 dun prestixioso colexio en Ourense. Hoxe leva tamñen o seu nome un C.E.I.P. do barrio das Lagoas.
PROGRESO, Rúa.- Construída polas aforas da cidade como Estrada Villacastín-Vigo, seguindo parte do trazado do Camiño da Ponte Maior ou Camiño Novo. Moi logo, polo seu indubidable significado no progreso da cidade recibiu este merecido nome. Bautizada no seu momento como “General Franco” sempre seguiu sendo “Progreso” para os ourensáns, nome agora felizmente recuperado. (+)
PURA E DORA VÁZQUEZ, Rúa.- Nome que recoñece a laboura de dúas irmás, ourensás e escritoras en lingua galega e castelá. Pura (1918 – 2006) foi membro da RAG.
QUINTIÁN, Rúa.- En tempos formaba parte da Estrada do Vinteún a Quintián. A estación Empalme tronzou dita estrada e simplificaron o nome para este tramo, paradoxalmente case o máis alongado do barrio de Quintián (que está do outro lado da estación.)
RAFAEL DIESTE, Rúa.- Pequena urbanización moderna adosada ó final dunha rúa histórica, a chamada hoxe Julio Prieto. Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçálvez (Rianxo, 1899 - Santiago de Compostela, 1981) foi un escritor en galego e castelán. Exiliado en 1939 recorreu varios paises de Europa e Sudamérica, sempre en postos de traballo lingüístico, ata 1961 que voltou, En 1979 ingresou na RAG. ["A fiestra valdeira", "Dos arquivos so trasno".]
RAIMUNDO IBÁÑEZ, Rúa.- En honor de D. Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (a título póstumo), fundador da fábrica de cerámica de ese nome. (Asturias, 1749 - Ribadeo, 1809).
RAMÓN ABELLÁS, Rúa.- Leva o nome dun distinguido mestre de ensinanza primaria que exerceu a docencia en distintos lugares de Galicia rematando en Ourense. Escribiu un “Tratado de Aritmética seguido de ...”, editado nesta cidade en 1881.
RAMÓN CABANILLAS, Rúa.- En memoria de D. Ramón Cabanillas Enríquez (Cambados, 1876-1959), poeta en lingua galega considerado coma un autor dos máis destacados da literatura galega do século XX. ["Da Terra asoballada",  "Na noite estrelecida".]
RAMÓN MARÍA ALLER, Rúa.- Recorda ao sacerdote Ramón María Aller Ulloa (Lalín, 1878 - 1966), doctor en Ciencias Exactas que destacou pola súa contribución á astronomía. Na Universidade de Santiago foi primeiro catedrático de matemáticas e, posteriormente, de astronomía. Membro da R.A.G. e de institucións mundiais. Inventor de aparatos de observación. ["Introducción a la Astronomía", "Astronomía a simple vista"]
RAMÓN PIÑEIRO, Rúa.- Adicada ó escritor galego (Láncara, 1915 - Santiago de Compostela, 1990), activo promotor da cultura galega, fundador da revista Mocedade Galeguista (1932) e da editorial Galaxia (1950). ["A Filosofía da Saudade".]
RAMÓN  PUGA NOGUEROL, Rúa.- Leva o nome dun comerciante establecido na rúa das Tendas que en 1934 inaugurou a emisora de Radio Ourense, a primeira da cidade. Nela intervirían os persoeiros galeguistas da época para promocionar o Estatuto de Galicia.
RAMÓN Y CAJAL (SANTIAGO), Rúa.- En honor do famoso médico, catedrático e investigador, Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina (Petilla de Aragón, 1852 - Madrid, 1934).
REI SOTO, Rúa.- En honor de D. Antonio Rey Soto (Sta. Cruz de Arrabaldo, 1879-1966), crego, escritor en galego e castelán e polifacético intelectual e bibliófilo. ["O mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil", "Cantar d'Amigo", "Galicia en el tricentenario de Lope de Vega".] (Ver o dito a propósito da rúa "Adrio Menéndez")
REMEDIOS, Rúa dos.- Debe o seu nome a que ten unha das cabeceiras á par da ermida da Virxe dos Remedios inda que logo se interne no barrio d'O Couto. Foi trazada cando se construiu a Ponte Lebrón. (Lebrón foi o promotor municipal de tal obra.) (+)
REZA, Rúa de.- Por aquí pasaba, en tempos, o camiño que conducía a Reza, o cal baixaba ata o Barbaña e cruzábao ben en Portocarreiro, pola Ponte do Outeiro, ben, máis abaixo, pola Ponte Pedriña. En 1837, coincidindo coas obras do Progreso (1836-1840) urbanízase e convértese en rúa. A mediados do século XX, ó abrirse a Rúa Dr. Fleming, concretouse o nome de Reza para o tramo superior e Portocarreiro para o inferior.
RIBEIRA DE CANEDO, Rúa.- O trazado desta rúa é o do antigo Camiño de Peliquín, que logo –ó ser rúa- foi denominado “Joaquín Costa” e en 1937, “General Aranda”. (A xente da miña xeración sempre lle chamou “Calle do Cuartel".) Recentemente o Concello –a modo de recuperación- púxolle “Ribeira de Canedo”. Está ben, pero esta denominación era máis un topónimo xeográfico que o nome da rúa urbanizada. (En realidade a ribeira de Canedo vai desde Oira ata Santa Cruz.)
RIBEIRIÑO, Rúa do.- Debe o nome a que vai dende a Ponte Vella ata O Ribeiriño, un dos antigos núcleos de Canedo, onde, de xeito provisional, estivo 3 anos a primeira estación de F.C.
RICARDO COURTIER, Rúa.- Dalle nome un músico (A Coruña, 1865 - Ourense, 1922), compositor prolífico con moitas pezas galegas moi populares.
RINCÓN, Rúa do.- Hai anos recibía este nome de Rincón un conxunto de 3 ou 4 rúas sen saída, que tiñan unha entrada única. A esa principal -a de entrada- déronlle o nome de José Antonio Moretón e o resto (que agora gañou dúas saídas máis) seguiron a ser Rúa do Rincón e Travesa do Rincón.
ROBERTO BLANCO TORRES, Rúa.- Alude a un político, periodista, escritor e poeta. (Cuntis, 1891 - Entrimo, 1936) ["Orballo de media noite", "De esto y de lo otro"]
RODRÍGUEZ DE LA PASERA (GONZALO), Rúa.- Rúa en Mariñamansa que leva o nome dun importante impresor galego do século XV en Monterrei. Foi o artífice do primeiro libro impreso en Galicia, unha Biblia. O financieiro desta obra foi Juan Porras, tamén coñecido como Xoán de Porres, con rúa en Ourense, traveseira desta que comentamos.
ROI PÁEZ, Rúa.- Lembra a figura de Roi Páez de Ribela, poeta e cabaleiro, galego ou portugués, de mediados do século XIII, autor de 21 composicións líricas. [“Meu senhor, se vos aprouguer”, “Par Deus, ai dona Leonor".]
ROSALÍA DE CASTRO, Rúa.- Rúa adicada polo Concello de Canedo á coñecida poetisa galega (Santiago de Compostela, 1837 - Padrón, 1885). ["Cantares Gallegos", "Follas Novas", "En las orillas del Sar".]
RUBÉN GARCÍA ÁLVAREZ, Rúa.- En lembranza deste ribadaviense (1915 – 1980), escritor e historiador medievalista de Galicia. Membro da RAG e da “Real Academia de la Historia”.
SACO Y ARCE, Praza.- En honor do eximio D. Juán María Antonio Saco y Arce (1836 - 1881), natural de Alongos, crego, catedrático de Instituto, poeta, recompilador de literatura popular e autor da primeira “Gramática Gallega”. Déronlle este nome á praza en 1892. Antes era “Plazuela del Olmo”.
SAENZ DÍEZ (ANTONIO), Rúa.- Leva o nome dun enxeñeiro Xefe de Obras Públicas, que foi tamén designado concelleiro, a mediados do século pasado. Antes esta rúa era chamada  “Carretera de Circunvalación”.
SALUSTIANO MUÑOZ (DELGADO), Rúa.-  Rúa na Ponte que leva o nome dun Gobernador Civil e Militar que o foi desde 1924 ata 1928 (ano no que dimitiu). Como dato anecdótico pódese recordar a súa circular "Fiestas y Romerías" na que, entre outras cousas, di que "queda terminantemente prohibido pedir la pareja a los que se hallen bailando", o tradicional "Permite?"
SALVADOR DE MADARIAGA, Rúa.- Recorda ó escritor deste nome (A Coruña, 1886 - Locarno, 1978) autor dunha prolífica obra en ensaio, novela, poesía e teatro. ["España. Ensayo de historia contemporánea", "Elegías en la muerte de Unamuno y García Lorca", "Españoles de mi tiempo".]
SAMUEL EIJÁN, Rúa.- En memoria do frade franciscano e escitor en galego e castelán (San Clodio, Leiro, 1876 - Santiago de Compostela, 1945) que desempeñou diversos cargos na súa orde (coma Superior do convento do Santo Sepulcro en Xerusalén ou Custodio da provincia de Ourense). Foi membro da Real Academia Galega. [“Mágoas”, “Historia de Ribadavia y sus alrededores”, “D'a y'-alma. Versos gallegos”.]
SAN ANTONIO, Praza de.- Esta praza de nova creación, entre a Avenida de Buenos Aires e Ramón Cabanillas, está onde era o Asilo de Anciáns. Este tiña na fachada un fornelo cunha imaxe de San Antonio e un peto para esmolas. Cando se trasladou o Asilo determinaron deixar imaxe e peto e a tal efecto fixéronlle unha pequena capeliña. De ese santo tomou o nome a praza.
SAN CÓSMEDE (ou SAN COSME), Rúa.- Debe o seu nome a ermida alí existente, construída a comezos do século XVI, e adicada os santos Cósmede e Damián. Antes diso levaba o nome da Fonte Arcada, fonte que tamén daba nome a unha porta próxima.
SAN FRANCISCO, Rúa.- Debe o seu nome, histórico, por ser rúa que levaba ó convento de San Francisco situado extra-muros. Tiña porta.
SAN FRANCISCO BLANCO, Rúa.- Rúa na Ponte, no antigo barrio de Quintián, onde hai varias con nomes de santos galegos. Neste caso trátase dun franciscano, nacido en Monterrei (1567), que foi misioneiro en Filipinas, México e Xapón, onde sería crucificado en 1597.
SAN FROILÁN, Rúa.- Rememora a este bispo galego (Lugo, 833 - León, 905), eremita no monte Curueño e logo bispo de León (ós 68 anos de idade e por petición popular), onde morreu ó cabo de 5 anos e de onde agora é patrono.
SAN LÁZARO, Parque de.- No século XIII este lugar -un tanto ó lonxe da cidade- chamábase Outeiro da Forca. Despois ó construírse nel un lazareto e unha ermida adicada a San Lázaro tomou o nome deste santo (Campo de San Lázaro) sendo coñecido tamén -no século XIX- como “Campo da Feira”. (+)
SAN MARCIAL, Rúa de.- San Marcial foi un bispo dos primeiros tempos do cristianismo, pero o nome desta praza, posiblemente, aluda a una victoria –batalla de San Marcial- das tropas españolas sobre as francesas en 1522. A praza chamábase antigamente da Fonte dos Coiros.
SAN MARTIÑO, Rúa de.- Rúa á beira da Catedral adicada ó tal santo, militar romano, ordenado crego por San Hilario e logo bispo de Tours (316 -397).
SAN MARTIÑO, Praza.- Recentemente aberta diante da fachada oeste da catedral leva o nome do santo patrono da Catedral e da Diócese. O proxecto inicial era de 1927.
SAN MAURO, Rúa.- Rúa en Oira relacionada coa existencia dunha das ermidas populares das proximidades de Ourense, neste caso adicada a San Mauro Abade, monxe benedictino do século VI.
SAN MIGUEL, Rúa.- Durante séculos esta foi a rúa que cerraba a cidade polo norte. Ata que en 1873 o Concello derrubaba un par de casas da beira da dereita (baixando) e abría desde alí a chamada "Travesía" ata o Campo de San Lázaro (hoxe rúa do Paseo.) Tivo varios nomes: da Pixotaría, da Pescadería, da Fonte do Bispo, Rapagatos, García Hernández, ...
SAN PAIO, Rúa.- Rúa en Quintián adicada a este santo galego do século X –de estendida devoción popular- o cal sendo neno foi degolado en Cordoba polos musulmáns.
SAN PEDRO, Rúa.- San Pedro tén dúas rúas. A do centro da capital, cercana á Catedral, tamén chamada, algunha vez, “da Cima”. E outra no barrio de San Pedro, en Canedo, que, por decisión municipal, traspasou o nome xenérico do barrio a unha das súas rúas.
SAN PEDRO DE MEZONZO, Rúa.- Conmemora a este santo galego (903 - 1003) nacido en Curtis – A Coruña, que sendo Abade de Antealtares foi elixido como bispo de Compostela. Está considerado como o autor da antífona “Salve Regina”.
SAN QUINTÍN, Rúa.- Outro nome “glorioso” dos de 1850. Neste caso o da célebre batalla gañada por Felipe II ós franceses. É a pequena rúa que vai da Praza do Trigo á Rúa San Pedro.
SAN ROSENDO, Rúa.- É a rúa lonxitudinal do barrio de Quintián -paralela a "Euloxio Gómez Franqueira"- que recorda ó santo galego (Salas, 907- Celanova, 977), monxe, bispo (de Mondoñedo e Santiago) e fundador do mosteiro de Celanova. Virrei de Galicia por nomeamento de Sancho I.
SÁNCHEZ ARTEAGA, Rúa.- En memoria de D. Manuel Sánchez Arteaga (Trazo-Ourense, comezos  XIX – Ourense, 1892). Arcediago da Catedral de Ourense colaborou con distinguidos investigadores que o citan e eloxian. Postumamente publicouse unha obra súa, “Apuntes históricos de la catedral de Ourense ...
SANTA EUFEMIA, Praza de.- Debe o nome á igrexa alí ubicada. Ata hai pouco e desde 1937 era a Rúa Coronel Ceano. Antigamente o que hoxe é a praza tivo unha configuración urbana moi distinta e nela houbo varias rúas e calellas. Entre os anos 1930 e 1940 (coa idea de dar visibilidade á igrexa) acometeuse o que entón era unha gran operación urbanística expropiando unha chea de casas para unir –co ancho actual- o que era a Praza do Recreo coa Rúa de Sta Eufemia (antes Cruz do Pantrigo), daquelas estreita. Hai tamén unha rúa adicada a esta mesma santa. Está en Mariñamansa, nunha lateral da Avenida de Zamora. A santa titular -Santa Eufemia de Ourense (distinta de Santa Eufemia de Calcedonia)- foi unha moza cristiá martirizada en Lobios no ano 138.
SANTIAGO, Avenida de.- Tramo urbano da estrada a esa cidade. En tempos da guerra chamouse oficialmente “Calvo Sotelo”, pero ó ser absorbido o Concello de Canedo polo de Ourense, ante a duplicidade do nome, pasou a chamarse co nome actual, como, por outra parte, sempre foi coñecida pola xente.
SANTO CRISTO, Rúa.- É unha rúa en memoria do Santo Cristo de Ourense, unha das tres cousas que canta a copla, pero curiosamente está bastante lonxe da imaxe. É un ramal perpendicular á Avenida de Zamora.
SANTO DOMINGO, Rúa.- En 1634 os dominicos ergueron un convento (do que queda a igrexa) no que daquelas era a Rúa da Corredoira, un vial rural polo que se saía da cidade camiño do Campo de San Lázaro. A Corredoira, pois, estaba fóra da cidade e cando esta, alá polos anos de 1860, comezou a expansión fíxose inicialmente nesta rúa. Así foi coñecida como “Barrio Novo” e “Rúa Acevedo” para, ó final, decantarse a denominación  actual en consonancia ca igrexa citada.
SAS, Rampla de.- Rúa d'O Couto que leva o apelido dunha das primeiras familias que obrou nela. Lévao dende 1941. Antes era coñecida como “Laxas de Pedraio”, nome relacionado cos antepasados –por vía materna- de D. Ramón Otero Pedrayo.
SECUNDINO COUTO SOLLA, Rúa.- Rúa a medio facer entre A Chapa e Guizamonde. Recorda a un empresario da construcción e, á vez, dirixente obreiro socialista. Foi alcalde de Canedo en 1933.
SILVIO FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, Rúa.- En honra do pintor deste nome (Ribadavia, 1859 – Ourense, 1937). Tén unha vasta obra na que abundan escenas típicas galegas (“O xantar”, “A debulla”, etc.). Amplamente recoñecido e premiado no seu tempo.
SUAVES, Praza dos.- En honra do grupo de rock and roll dese nome nado en Ourense nos anos oitenta. Antes era a praza das Flores e antes disto formaba parte da Rúa San Pedro; era a subida sur a Cima de Vila.
TABOADA CHIVITE (XESÚS), Plaza.- En honor deste arqueólogo, historiador, etnógrafo e ensinante, membro da R. A. Galega e cronista oficial da vila de Verín. (Verín, 1907 - 1976) ["Etnografía galega", "Refraneiro galego", ...]
TENDAS, Rúa das.- Céntrica rúa medieval que conserva o seu nome orixinal. De cando en cada rúa se concentraban os membros dun gremio.
TINTEIRO, Rúa e Paseo do.- A Rúa está no lugar das Caldas, por riba do cemiterio, e o Paseo continúa –pasando polo Campo do Santiago- ata a fonte do Tinteiro, famosa polas súas augas termais e medicinais.
TRIGO, Praza do.- Praza do Ourense histórico, entre Santa María Nai e a Catedral e que, segundo a época, tivo unha chea de nomes: “Tras a ábsida da catedral”, Praza das Olas, Platerías, do grau e da Fonte Nova. O nome actual provén -evidentemente- de ser un mercado de gran.
TRINDADE, Praza da.- Debe o nome á histórica igrexa contigua. Tamén foi coñecida como Praza dos Zapatos ou dos Zapateiros por ubicarse alí o mercado dese artigo.
UNIÓN, Rúa.- Nome enigmático posto á que antes era a Rúa de Tras do Cristo. É a que vai por detrás da Catedral e, consecuentemente, por detrás da súa Capela do Santo Cristo.
UNIVERSIDADE, Avenida da.- Está lonxe do campus universitario, pero leva este nome porque, ata hai uns anos, era a rúa que levaba á Universidade Laboral. Esta, clausurada en 1989, foi reconvertida en I.E.S. e F.P. Este centro conserva o nome, igual que a rúa.
VALLE INCLÁN  (RAMÓN Mª DEL), Rúa.- Céntrica rúa adicada ó famoso literato galego (Vilanova de Arousa, 1869 - Santiago de Compostela, 1935), innovador narrador, poeta e dramaturgo en castelán, encadrado entre o modernismo e a xeración do 98. Foi cualificado polo xeneral Primo de Rivera como “eximio escritor y extravagante ciudadano”. [“La pipa de Kif”, “Comedias bárbaras”, “Divinas palabras”, “Luces de Bohemia”.]
VAO, Camiño do.- Nome descriptivo dunha realidade arcaica: o camiño que conducía o un vao por onde os primitivos xa cruzaban o río Miño antes de que os romanos erguesen a primeira ponte. Posiblemente sexa a infraestrutura viaria máis antiga de Ourense, incluso máis ca propia cidade. Agora está ocupada, case na súa totalidade, por un centro comercial.
VASCO DA PONTE, Rúa.- Recorda a un historiador galego de finais do século XV e principios do XVI. A súa obra máis coñecida, e citada, é “Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia”.
VASCO DÍAZ TANCO, Rúa.- Alude a un escritor español, autor dramático e impresor do século XVI.
VÁZQUEZ DE MELLA, Rúa.- Fai referencia a un político español que estudou Dereito en Santiago onde se uniu ó tradicionalismo. (Cangas de Onís, 1861 - Madrid, 1928)
VELÁZQUEZ, Rúa.- Rúa n'O Couto alusiva a un pintor español de primeira liña, Diego de Silva Velázquez (Sevilla, 1599 - Madrid, 1660).
VICENTE DO SEIXO, Rúa.- Lembra a un agrónomo e avogado con actuacións de ilustrado e divulgador. (Ourense, 1747 - 1802) [“Reforma agrícola y emancipación de la mujer", etc.]
VICENTE RISCO, Rúa.- Rúa en A Ponte en memoria de D. Vicente Martínez-Risco y Agüero (Ourense, 1884-id.-1963), escritor, etnógrafo e político. Membro da xeración Nós. Un dos forxadores da prosa moderna galega. [“Teoría do nacionalismo galego", " La Puerta de Paja", "O Porco de Pé", etc.]
VICENTE VIQUEIRA (XOÁN), Rúa.- Recorda a un escritor en galego e castelán (Madrid, 1886 – Bergondo-A Coruña, 1924), catedrático en Santiago e na Coruña. Un artigo seu publicado en A Nosa Terra en 1918, «Pol-a reforma da ortografía», é considerado por algúns coma o nacemento do «reintegracionismo».
VICTORIA KENT, Rúa.- Esta rúa que corre por detrás do edificio da Policía Local, na Ponte, leva o nome de Victoria Kent Siano (Málaga, 1898 - New York, 1987), política republicana, primeira muller en exercer de avogado en Madrid, deputada e directora xeral de Prisións. A guerra colleuna en París e exiliouse en México e EE.UU.
VILAR, Rúa do.- Documentada en 1057 como “Villare” é unha das rúas máis primitivas. Posiblemente o nome, villare  ou vilar, se estea a referir ó primeiro núcleo habitado que se formou nas proximidades das Burgas.
VILAR, Praza do.- Comezo da rúa anterior. En tempos medievais, cando os gremios estaban xuntos por barrios, esta era a Crux dos Ferreiros ou Ferrería. É dicir, onde se ferraba ós cabalos.
VILLAAMIL Y CASTRO (XOSÉ), Rúa.- Refírese a un arquiveiro, bibliotecario, anticuario e historiador mindoniense, considerado por algúns coma o primeiro prehistoriador de Galicia (1838 – 1910). ["La industria primitiva de Galicia", "Los códigos de las Iglesias de Galicia en la Edad Media", "Origen de los foros en Galicia".]
VINTEÚN, Rúa.- O nome procede do xenérico que tiña todo o barrio e este chamábase así porque, cando aquilo pertencía o Concello de Canedo, era o lugar onde se celebraba unha feira de gando tódolos vinteún de cada mes.
VIRIATO, Rúa.- Nome posto en 1850 para eliminar ó antigo que ata entón era a Rúa Laxiña ou das Laxiñas. Refírese ó caudillo lusitano que fixo fronte ós romanos.
VIRXE DE FÁTIMA, Rúa.- Rúa do Couto que leva o nome do Santuario a pesar de estar algo lonxe do mesmo. Está entre o campo do futbol e a estrada de Madrid.
XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ “XOCAS”, Rúa.- Rúa norte do Parque de San Lázaro, en memoria do coñecido etnógrafo e académico, membro do grupo Nós. (Ourense, 1907- 1989). ["Lápidas sepulcrales gallegas de arte popular", "O pastoreo na serra de Leboeiro", "Cantigueiro popular da Limia Baixa".]
XESÚS FERRO COUSELO, Rúa.- Recorda a este fillo adoptivo de Ourense (1906 - 1975), investigador, erudito e director do Museo Arqueolóxico.
XESÚS POUSA RODRÍGUEZ, Rúa.- Rúa n'A Ponte en recordo do apreciado crego D. Xesús (1919 - 2004), home de talante aberto e innovador, que foi párroco de Santiago das Caldas desde 1946 ata 1990.
XESÚS SORIA, Rúa.- Rúa d'O Couto, barrio no que foi veciño o agora titular desta rúa. Asturiano de nacemento (1882 – 1959) veu en 1906 para Ourense –onde asentou ata a súa morte- como catedrático de debuxo do Instituto. Pintor, músico e compositor.
XOÁN DE CANGAS, Rúa.- Recordo do xograr galego do s. XIV do que se conservan 3 cantigas de amigo relacionadas cunha ermida de San Mamede do Mar.
XOÁN DE NÓVOA, Rúa.- Esta é unha moderna rúa que traza un arco de 180 graos, en cósta, para enlazar a "Cruz Alta" con "Pardo Bazán". O seu nome recorda a un Señor de Maceda que foi almirante dos reis lusitanos D. Xoán II e D. Manuel e que se fixo cargo en 1501 da 3ª expedición ás Indias, descubrindo, entre outras, a illa de Santa Elena (onde estaría confinado Napoleón 3 séculos máis tarde). Despois foi alcalde de Lisboa. Morreu en 1540.
XOÁN DE PORRES, Rúa.- Esta denominación correspóndese, en realidade, co nome do salmantino JUAN PORRAS, un editor dos tempos iniciais da imprenta que financiou a impresión de moitas obras. Foi contratado polo Cabido de Santiago para gravar unha Biblia, traballo que se levaría a cabo polo impresor Gonzalo Rodríguez de la Pasera, na imprenta auspiciada por Francisco de Zúñiga, Conde de Monterrey, instalada na fortaleza homónima. Esta impresión, datada en 1494, sería o primeiro libro impreso en Galicia.
XOÁN MANUEL PINTOS, Rúa.-En homenaxe a Juán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876), xurista, escritor e lexicógrafo. ["A gaita galega", "Vocabulario gallego-castellano"]
XOÁN MONTES CAPÓN, Rúa.- Máis ca unha rúa é unha pista extra-urbana que enlaza o núcleo de San Pedro con Bobadela. Está adicada a un compositor lugués (1840 - 1899) que tén un amplo repertorio de música galega e relixiosa. É o autor da música de "Negra Sombra". ["As lixeiras andoriñas", "Aires populares de Galicia", ...]
XOSÉ ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Rúa.- Rúa n'O Couto en lembranza do que foi o seu primeiro párroco, exercente  desde 1949, e realizador dunha importante tarefa pastoral, cultural e  veciñal (1915- 1999). Esta rúa antes chamábase Caridade. ["Historia de O Couto".]
XOSÉ LUÍS LÓPEZ CID, Rúa.- Rúa n'A Ponte adicada e este profesor e escritor ourensán. (1916-1992). ["Eilbriel", "Os cazadores de dotes", "Edipo abandonado".]
XOSÉ RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA “BEN-CHO-SEI”, Rúa.- Rúa adicada e este investigador (nos eidos da Historia, etnografía, xeografía ou heráldica), literato e galeguista (Ourense, 1896 – Madrid, 1988). ["Barallete", "Santa Marta de Moreiras", "Contos do Fiadeiro".]
ZURBARÁN, Rúa.- Rúa d'O Couto adicada ó famoso pintor español Francisco de Zurbarán (Fuente de Cantos, 1598 - Madrid, 1664).


NOTA.- Por unha cuestión de economía de espacio non se incluiron nesta lista as rúas que teñen por nome un topónimo (salvo que teñan interés de seu), a saber:
1.- Os nomes de cidades (HABANA, BUENOS AIRES, PONTEVEDRA, A CORUÑA, PORTUGAL, etc.) Están ben postos e asentados, pero resultan irrelevantes para o sentido deste traballo.
2.- Caso concreto, ó que hai que aplicar ese criterio, é o dos barrios da Follateira e Cruz Alta onde está unha morea de rúas con nome de concellos ourensáns: BOBORÁS, BALTAR, ESGOS, RUBIÁ, MONTEDERRAMO, CELANOVA, etc.
3.- Nomes de ríos. No barrio de Santa Teresita e O Vinteún hai 21 rúas cos nome doutros tantos ríos con recorrido pola provincia de Ourense. Son os seguintes: RÍO ARENTEIRO, ARNOIA, AVIA, BARBANTIÑO, BARRA, BIBEI, BÚBAL, CAMBA, CASAIO, CENZA, CERVES, CORZOS, DEVA, LIMIA, MAO, MENTE, NAVEA, SALAS, SIL, TÁMEGA, TUÑO e XARES.
4.- Nomes de accidentes orográficos. Están no barrio de San Francisco e inmediacións e aluden a montes relacionados coa provincia. Son os 16 seguintes: MONTE MEDA, MONTE PEDROSO, MONTE PENAGACHE, MONTE PENAMÁ, MONTE SEIXO, PENA CORNEIRA, PENA NOFRE, PENA TREVINCA, SERRA DA MOA, SERRA DE LEBOREIRO, SERRA DE QUEIXA, SERRA DO BURGO, SERRA DO FARO, SERRA DO XURÉS, SERRA MARTIÑÁ e SERRA SAN MAMEDE.  (MONTE MEDULIO está n'O Vinteún.)

            Tampouco se inclúen, por ser nomes arbitrarios (aínda que simpáticos), unha chea deles que hai pola parte da Carballeira e de Couto Berredo con nomes da fauna galega: DONICELA, CURUXA, GRILO, POMBAS, MOUCHO, PASPALLÁS, etc.
            Caso de similar circunstancia é o da zona alta de Guizamonde (Grupo Covadonga), con nomes da mitoloxía grega: CIBELES, MERCURIO, DIANA, APOLO, NEPTUNO, MINERVA, etc.

SUBIR


- Se queres saber como Ourense foi medrando ata ter tantas rúas podes ver os Planos activos en "Evolución urbana".
- Tamén podes consultar o noso Rueiro da cidade.


S A Í R

© M.D.Q. - Ourense, Maio, 2009
Última revisión: Setembro 2020