A palabra inventio.- Esta palabra latina é usada en escritos medievais como, por exemplo, o Chronicón Iriense (de finais do. S. IX) ou na Concordia de Antealtares (1077). É unha cuestión lingüística que non pasa de anecdótica, pero non está demais facer algunha observación. Inventio é un termo latino que significa “descubrimento”. Posteriormente, coa evolución da linguaxe, pasaría a significa tamén “invento” ou “invención” dado que todo “invento” (no sentido actual) é, de por si, un descubrimento. Ou sexa, que o inventio latino non é o mesmo ca o ”invento” actual. Todos os inventos son descubrimentos, pero iso non quere dicir que todos os descubrimentos sexan inventos.
O ano do descubrimento.- Non hai, ou mellor dito, non se atopou ningún testemuño escrito que achegue a data exacta do descubrimento. É certo que falamos dunha época na que a escritura era algo moi escaso e limitado, pero un feito tan transcendente, coa importancia que lle deu a Coroa e o Papado, necesariamente tivo que ser reflexado nalgún documento da época (cartas, crónicas, etc.), pero non chegou a nós. Ata hai uns anos os datos que se manexaban é que acaecera no tempo do bispo Teodomiro e do rei Afonso II e calculábase que fora no 812 ou 813. Pero a finais do século pasado, co descubrimento polos arqueólogos (en 1955) de varias pezas -entre elas a tumba de Teodomiro (coa súa campa sepulcral)- sóubose que nese ano había outro bispo en Iria, un tal Quendulfo II, que rexeu ata o 819. Teodomiro gobernou a diocese a partir dese ano e, probablemente, ata o 847 (ano que figura na campa granítica como o da súa morte). Agora as datas manexadas están na década 820-830 para uns ou, concretamente, no ano 820 para outros.
O Emperador Carlomagno.- Algunha vez escoitase a teoría de que a instauración do Camiño de Santiago foi unha artimaña(defensiva) do emperador franco Carlomagno para establecer polo norte da península unha franxa de vida e actividade relixiosa que debería ser defendida por toda a cristiandade. Quen así fala posiblemente estea confundindo o Camiño coa Marca Hispana, que esa si que foi instaurada polo emperador para protexer os Pirineos. Pero o outro non ten sentido ningún dado que Carlomagno faleceu no ano 814. Carlomagno morreu sen ter oído nada do asunto.
Pode que nesa lenda teña algo de culpa un texto do Codex Calixtinus o cal –á parte dos seus indubidables valores- ten no libro IV un relato fantástico, unha especie de primitiva novela de aventuras, coñecido polos historiadores coma o Pseudo Turpin (porque o autor faise pasar por un bispo de Reims, chamado Turpín, morto no século anterior) no cal relato o protagonista é o emperador, ao que presenta loitando en Compostela para liberar o lugar ocupado polos musulmáns. Posiblemente o autor fose un francés que quixese vincular os prestixios do Camiño e de Carlomagno. Este libro IV en 1619 foi retirado do Codex da catedral compostelá por considerarse improcedente. (Sería reposto en 1966.)
O barco de pedra.- Nalgúns relatos da translación do corpo de Santiago inclúese unha lenda, incrible, que di que esa viaxe foi nun barco de pedra. Non se sabe nin cando nin de onde xurdiu ese relato que ningún dos textos xacobeos menciona. O máis probable é que se trate dunha mala tradución ou dunha interpretación errónea dalgún outro texto no que se falaría de “barcos de pedra”, pero co mesmo senso que cando hoxe falamos dun “camión de madeira” ou dun “tren de cemento”. (Metonimias de continente por contido.) Explicámonos:
Cerca do actual Padrón existía no s. I un porto fluvial nun esteiro que daquelas formaba a confluencia dos ríos Ulla e Sar, nunha localidade chamada Iria. Esta localidade, gran centro de actividade comercial e cun porto en consonancia, chegaría a ter tal importancia que o emperador Vespasiano, no ano 74, declarouno municipium dándolle a denominación de Iria Flavia. Flavia era o cognome da familia do emperador.
Ese porto fora iniciado, algún tempo atrás, polos fenicios como almacenamento do produto das illas Casitérides (citadas por varios clásicos gregos e romanos) e que alguén quere identificar coas illas do actual Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. E tal produto non era outro que a casiterita, mineral en pedra do que se obtén o estaño e do que había grandes depósitos na Gallaecia. Os fenicios comerciaban con esa pedra, en principio traída de lugares ignotos para os demais pobos. Cando os romanos o descubriron aproveitaron o porto para transportar o ouro que sacaban da Gallaecia, carretado ata alí por calzadas previamente construídas. Nese ambiente habería, pois, “barcos de ouro” (ou “barcos do ouro”) e “barcos de pedra” (ou “barcos da pedra”). Os primeiros serían fenicios e os segundos, romanos. É posible que Santiago en vida fixese o viaxe desde o porto de Haffa (en Xudea) ou desde un porto fenicio, alí ao lado. E é probable que esa mesma viaxe a fixeran o seus discípulos para traer o seu corpo para enterralo onde predicara, práctica que sería adoptada polos seguidores doutros apóstolos. Esa viaxe sería, efectivamente, … nun barco de pedra / barco da pedra. No latín non existen os artigos e a forma navis lapis dalgún presunto escrito valería para os dous casos.
O Apóstolo na Hispania.- Estamos nunha época na que proliferan os negativismos sistemáticos. E esa actitude, cando se enfronta coas tradicións, non é que as cuestione, ou que manifeste dúbidas, senón que as nega taxativamente. É o que pasa cando se fala de que San Iago predicou en España. Négase baseándose en que non hai ningún documento taxativo que o certifique. Pero é que tampouco hai un que o negue ou que narre que estivese en outro lugar.
O que hai é unha tradición. Tradición que non é de hoxe nin de onte senón que ven de moi atrás. Hai referencias que non son certificados dos feitos narrados pero si testemuñas de que a tradición de San Iago en España xa a había antes do achado.
Exemplos:
- Dídimo o Cego, escritor e filósofo da Alexandría do s. IV indica que ”… un dos apóstolos recibíu en reparto a India, outro Hispania e incluso, outro máis, unha rexión ata a extremidade da terra».
- Cara 395-400 San Xerónimo, en “Comentario a Isaías” escribe: “O Espíritu Santo congregounos e asignoulle o lugar que a cada un lle caera en sorte”. E máis adiante engade: “Un foi á India, outro a Hispania, outro ao Ilírico, outro a Grecia, de xeito que cada cal descansara na provincia onde predicara o evanxeo e a doutrina.” ... ” … facéndoos de pescadores de peixes en pescadores de homes; os que desde Xerusalén predicaron o evanxeo ata o Ilírico e Hispania.”
-
Teodoreto de Ciro (393-466), menciona na obra De Martyribus a misión dun apóstolo en Hispania.
-
Hesiquio, bispo de Salona (falecido no 450), consideraba que a predicación fora feira «ata o fin da terra por algún dos apóstolos".
-
O Breviarium apostolorum escrito a finais do s.VI (ou principios do VII) en Francia ou Italia di expresamente que Santiago o Maior predicou na “Hispania, nas terras occidentais do mundo.”
-
Isidoro de Sevilla (556-636) na obra ” De ortu et obitu Patrum“ confirma que San Iago o Maior predicou na Hispania.
-
San Aldhelmo de Sherborne (639-709), bispo e erudito inglés, nun poema refírese a Santiago como «o primeiro en converter de verdade aos poboadores de Hispania».
-
San Beda o Venerábel (639-709), moxe e escritor tamén inglés, escribe taxativamente que Hispania fora evanxelizada polo apóstolo Santiago e indica que «Os sagrados restos mortais deste benaventurado foron trasladados a Hispania e escondidos nos seus últimos límites fronte ao mar Británico».
-
O Beato de Liébana (701-798), monxe cántabro e escritor, na obra “Comentarios ao Apocalipse de San Xoán”, do ano 776, afirma taxativamente a predicación de Santiago en España.
-
No ano 785, cando o reinado do monarca asturiano Mauregato, dase a coñecer un himno litúrxico, O Dei verbum, no que se invoca ao apóstolo Santiago coma Patrón da Hispania. (Non sabemos se ese tratamento se da por primeira vez ou se puido haber antes algún precedente despois perdido.)
"Breviarium apostolorum" é a fonte escrita máis antiga en declarar taxativamente a predicación de Santiago en Hispania, uns 300 anos antes do achádo dos restos “Hic (Iacobus) Spaniae et occidentalia loca praedicat”. Tamén sitúa a súa tumba no enigmático Achaia Marmorica.
Prisciliano.- Louis Duchesne (1943-1922) foi un crego francés, filólogo e historiador crítico co cristianismo. Ten varios libros, algún deles prohibido pola xerarquía católica. En 1900 publicou na revista “Annales du Medi” (dedicada á historia do sur de Francia) un artigo titulado "Saint Jacques en Galice” no que, entre outras cousas, especula que o corpo venerado en Compostela ben puidera ser o do herexe hispano-romano Prisciliano. Esta idea, totalmente arbitraria xa que non achega ningunha proba nin argumento que a apoie, foi vista, porén, cunha certa simpatía por algún intelectual español e por persoas de cariz contestatario. Naturalmente para calquera persoa disidente do feito xacobeo esta opinión ten moito morbo e un fascinante atractivo. É certo que a figura de Prisciliano (bispo de Ávila, nativo da Gallaecia romana, pero alleo ao territorio da actual Galicia) ten o seu aquel romántico e encantador, pero iso non é razón para que sexa un sucedáneo do Apóstolo. Para min abonda cunha pregunta: Se o corpo que está na Catedral non é o de Santiago ¿por que había de ser, precisamente, o de Prisciliano? (En calquera caso habería miles de potenciais candidatos posibles. No primixenio cemiterio abandonado podería haber restos de galaicos, celtas, bretóns, romanos, fenicios, xudeus, suevos, visigodos, mouros, etc.)