Calquera itinerario de peregrinación que remate na catedral de Santiago de Compostela é valedoiro para facer o Camiño de Santiago. Agora ben, se ademais de facer o Camiño se pretende obter un recoñecemento oficial desa feitura a cousa cambia. Se se quere obter a “Compostela”, certificación de que se realizou o Camiño, hai que axustarse as rutas ”oficiais” (as recoñecidas pola Catedral). E tamén compre ter os selos correspondentes na “Credencial do Peregrino", os cales non se conseguen nos “camiños particulares”. Aínda así, dado que para obter a Compostela chega con demostrar a camiñada nos últimos 100 km. as rutas previas a esa etapa final conforman un gran abano de posibilidades e opcións nas que, iso si, pode haber grandes diferenzas en canto aos servizos que se poidan recibir. Referímonos, en primeiro lugar, ás posibilidades de atopar albergues ou lugares de selado da credencial e tamén á existencia de guías e sinalizacións.
Actualmente hai un certo consenso de que unha ruta determinada, para ser considerada “camiño de Santiago”, debe ter un claro rexistro histórico.

En Europa, principalmente en Francia, abondan os camiños con soleira así como asociacións que velan por eles. En España, onde nos primeiros séculos o Camiño (en singular) era sinónimo do que hoxe chamamos Camiño francés, foron creándose, ao longo dos tempos, camiños novos segundo aumentaban a práctica peregrina e os territorios dos reinos cristiáns. Hoxe hai rutas desde tódalas provincias españolas, as cales, antes ou despois, acaban afluíndo a algunha das 7 “clásicas”.

• Así, por exemplo, o camiño de Madrid conclúe en Sahagún enlazando co Camiño Francés;

• o Camiño do Ebro tamén desemboca no Francés á altura de Logroño;

• o Catalán que parte de Montserrat e ten dúas variantes, unha que conecta co Camiño do Ebro antes de Zaragoza e outra que pasa por Huesca e segue ata dar cun ramal do Francés;

• o de Levante, que cruza en diagonal media península empatando Valencia coa Vía da Plata en Zamora;

• o Camiño da La que conecta Alacante ou Valencia con Burgos (camiño francés);

• o camiño (ou camiños) Mozárabes que conectan Jaén, Almería, Granada e Málaga con Córdoba , primeiro, para logo seguir ata Mérida (Extremadura) onde se unen á Vía da Plata...

E así poderíamos seguir con moitos máis: o Camiño de Baztan (da francesa Bayonne a Pamplona), o Lebaniego (que comunica o Francés co do Norte), o Olvidado (desde Bilbao ou Pamplona ata o Francés), a Vía Augusta (de Cádiz a Sevilla), o de San Salvador que conecta Oviedo con León, o do Sur (de Huelva a Zafra), etc..

A “Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago” (que agrupa a máis de corenta entidades xacobeas nacionais) detalla na súa revista a existencia de 32 “camiños” en España.

---------------------------
Camiño a Fisterra e Muxía.- Aínda que ás veces se lle chame así en realidade non é un "camiño de Santiago". A súa meta non é Compostela senón o cabo do “fin do mundo” ou o Santuario da Virxe da Barca, en Muxía. Moitos (as asociación de amigos do camiño, por exemplo) prefiren chamarlle ”Prolongación Xacobea a Fisterra”.
En realidade as rutas a Fisterra (e máis tarde a de Muxía) foron, desde xa os primeiros séculos de peregrinacións, uns apéndices ou epílogos da peregrinaxe a Santiago. Moitos peregrinos, unha vez rematada a súa camiñada principal, engadían unhas leguas máis para contemplar o que daquelas se consideraba o fin do mundo. Ao ser unha ruta “inversa” non se concede a Compostela, pero si se pode obter uns certificados “civís” chamados Fisterrana e Muxiana.



Cerrar