II.- LUGARES DE CANEDO

1.- Os topónimos que se tratan son os dos núcleos de poboación.
2.-  Detrás de cada nome figura entre corchetes a parroquia á que pertence, segundo as seguintes abreviaturas:
[Arr]   Arrabaldo
[Bei]  Beiro                 
[Cal]  Caldas             
[Can] Canedo                    
[Cud] Cudeiro          
[Cas]  O Castro (de Beiro)        
[Pal]  Palmés               
[Unt]  Untes          
[Vil]   Vilar de Astrés

Abelaira, A [Cas]:   Palabra do galego común, variante do normativo abeleira (o arbusto que dá as abelás).
Abeleda, A  [Cas]:   É o mesmo que abeledo; un lugar poboado de abeleiras.   Tampouco se pode descartar que sexa un topónimo “aparentemente transparente” dada a posibilidade dun árabe al-balad,  ‘a vila’. (É factible que entre os séculos IX e XIII entrasen topónimos árabes por medio de poboacións mudéxares.)
Agrela, A [Arr]:  É un diminutivo de ‘agra’. Agra pequena. // (É incorrecto escribir A Grela.)
Albaredo, O [Arr]:  A primeira vista parece un derivado do lat. albaris, ‘que tira a branco’  + o sufixo -etum (colectivo).  Podería referirse a un terreo que aparenta esa cor debido a algún vexetal: un tomiño, xestas, flores... //  A voz *alb / *alp  é unha raíz pertence ó indoeuropeo que significa  ‘altura, monte’. // ¿árabe al-barid , “posta de comunicacións”?  // Segundo JAS(2): Paraxe fluvial.
Alén [Arr]:  Alén é palabra do léxico común. Provén da expresión latina ad illinc, ‘ó outro lado’.  
Anaigo [Pal]: (?) .... (Hai varios topónimos desta relación dos que non conseguín ningunha información. Agradecería calquera axuda neste sentido.)
Areal, O [Arr]:  Palabra común aplicado a sitios areosos. Derivada do latín arena, ‘area’.
Arrabaldo (Parroquia e lugar): Do hispano-árabe  al-rabad,  ‘suburbio’ // JAS di: “Xunto ó val”
Astrés [Vil]:  Parecer derivar de Astraixi, xenitivo do nome xermánico dun poseedor. O nome oficial desta aldea, próxima a Vilar (que o leva coma predicado), e así, pero eu na miña vida coñecino de varias maneiras: Astrés, As Tres ou, incluso, Lastrés. (Esta última forma é a que ven en Mad.) (1)
Barrio [Unt]:  Topónimo frecuente en Galicia (72). Alude ó esgaiamento dunha poboación por presión demográfica e roturación do bosque. Probablemente do ár. barri,  “aforas duna cidade”. No baixo latín do século IX xa se escribía ‘barrio’ coa acepción de  aldeíña dependente doutro poboado, arrabal. //  Segundo JAS: “Xunto ó muíño”.
Barxas, As [Cud]: Derivación de barsa, palabra de orixe prerromana que podería ter o significado de ‘balsa, concavidade’. Nalgúns lugares foi sinónimo de ‘barca’, que ten a mesma forma interior. Cabeza Quiles di que “Barxa e Barxas son topónimos asociados a cuncas ou valgadas fluviais”. // É un topónimo moi estendido (84 en Galicia coas variantes). Aparenta ser un topónimo transparente debido á palabra homófona ‘varxa’ que segundo o dicionario é “Terreo chan e fértil situado nas marxes dun río que é frecuentemente anegado por este”.
Barxelas  [Cud]:   Diminutivo de barxas. (Ver o anterior).
Beiro (Parroquia): Todo indica que ten a  mesma orixe ca ‘beira’ como tamén o ten ‘beirada’, ‘beiral’ ou ‘beirado’.  Partindo dun vocábulo celta formouse en baixo latín ‘baria’ e ‘barea’, sempre co significado de ‘marxe, beira’, precedente das palabras amentadas.  Este nome estaría aquí xustificado se temos en conta que Beiro, en tempos, era unha zona máis grande ca actual parroquia. Polo de pronto a contigua parroquia do Castro polo oeste leva o predicado de Beiro e, asemade, a  tamén contigua polo leste, a parroquia de Vilar formouse en 1893 con territorio que formaba parte de Beiro.  Agora ben, dáse a circunstancia de que todo ese territorio continuado resulta ser o final da meseta (Os Chaos de Amoeiro) onde está asentado. Forma coma un balcón sobre o val do Miño que está 300 m. máis abaixo. Ou sexa que de algunha maneira é unha beira,  a beira das terras altas. E  semella o ‘beirado’ dun tellado.  Vexo normal que lle chamasen ‘beiro’. // (Antes de chegar a estas conclusións tiña outra teoría que desboto en favor de antedita. Era que Beiro podería ser unha palabra ca mesma orixe e significado que ‘vieiro’, pero truncada nalgún momento, e dicir, sen evolucionar de todo. Un ‘vieiro’, como se sabe, é un camiño, un carreiro, unha verea. Dado que Beiro antigamente foi –como vimos-  unha zona alongada e continuada na que nun dos seus extremos estaba o  Castro ben podía ser todo el o vieiro/beiro do castro. ) // JAS: “Muíños do regato”.// Hai varios en Galicia con variantes.  // Como cousa curiosa digamos que en Granada hai un río pequeno, afluente do Genil, que se chama Río Beiro. Suponse que é un nome de orixe galego levado por repoboadores deste Reino de Galicia despois de expulsión dos musulmáns granadinos.
Beleiros, Os [Arr]: Non sei. ¿Terá algo que ver co latín villoso, ‘veloso, peludo’? // No Dic. da Lingua Portuguesa (5)  pode lerse: “Veleiro: criado que fazia os recados fora do convento”.  // Podemos recordar que hai unha raiz celta bel, co significado de ‘brillante, claro’.
Bellao, O [Cud]:  Non o sei, pero pola terminación podería ser un xentilicio. Algo así como ‘natural de Belle’. // En portugués velhão é un aumentativo de “velho” (vello).
Bobadela  [Cal]:  Do latín bovatella,  ‘lugar por onde pasa a boiada [fato de bois]’. É o mesmo étimo que o de  Bobadilla. (6)  //  JAS: “Redil ou curral do muíño”.  
Bouza, A [Vil]: Palabra común para designar terreos incultos, cheos de mato, toxos, etc. Probablemente dun celta *balcea. Moi común en Galicia.
Burata, A [Pal]:   En termos toponímicos este nome significa  ‘cova ou abertura grande’. (7)  Burata en f. es un burato máis grande.
Burgo, O [Pal]:  Termo xermánico. Burg, ‘colina fortificada’, entendendo por tal unha construción inferior á dun castelo.
Cacabelos [Unt]:  Segundo Cabeza Quiles  hai 5 en Galicia. Ven do  lat *caccabellus, dim. de caccabus, ‘ola, pucheiro’ e  indica fondal, depresión do terreo. Hai un Cacabelos leonés (co nome formado en galego) que, segundo as leis fonéticas leonesas ou casteláns,  tería que ser Cacabillas, como efectivamente hai un máis adiante.(7)    // JAS: “Lugar de muíños fríos”.
Cachalvite [Cas]: Debe o seu nome a algún personaxe co nome xermánico de Alvitus. Non tiña por que ser el necesariamente xermánico, pero houbo uns séculos nos que eses nomes estaban de moda. Neste caso trataríase dunha propiedade, supoñamos que unha casa, ‘de Alvitus’. Isto en latín, co nome en xenitivo sería: *casa  Alviti. Despois da transformación do s en ch e da iuxtaposición das dúas palabras daría o Cachalvilte.
Cachaxúas [Can]: Puidera ser un caso similar ó anterior (cacha < casa),  pero non atopo ningún antroponímico que puidera encaixar. Por outro lado o elemento ‘cacha’ está presente en moitos topónimos como unha evolución do latín serodio cappelare co significado de rozar ou desbravar un monte.
Caldas, As [Cal]:  Do lat. aquas calidas > (aquas) caldas > caldas. Algúns libros antigos citan a esta parroquia como Santiago de Caldas, sen o artigo.
Calvelos [Arr]: Alude a elevacións de terreo sen vexetación, calvas. A raíz cal, ‘pedra’, é preindoeuropea.
Campo Novo [Pal]:  Topónimo formado por un nome e un predicado do léxico común. Do latín campus > campo e novus > novo.
Campos, Os [Arr]: O mesmo caso anterior. De campus, ‘campo, chaira’. Inda que parece que está claro, tampouco se pode desbotar unha orixe no celta cambos, ‘curvo ou curvado’.
Canedo (Parroquia e antigo concello): Nome común similar a Canaval, ‘lugar de canas’. Do latín cannetum= canna, 'cana', máis o abundancial -etum  (-edo).
Capela, A [Can]: Aparentemente outra palabra común. Do latín vulgar capella, ‘igrexa pequena ou igrexuca’
Cardenao [Cas]:  Os topónimos que empezan por Carde- poden facilmente confundirse porque teñen dúas posibilidades: Derivados de lat. cardinus, ‘cardo’, ou pola expresión ‘casa de’. // No primeiro caso esa palabra do latín serodio deu, entre outras, a forma ‘cardeno’ referida á cor das flores dos cardos. Entón Cardenao podería ser algo así como ‘acardenado’. // Na outra alternativa a  primeira silaba é unha evolución, con rotacismo – r por s -, da palabra casa (casa > cas > car). Logo viría a preposición ‘de’ e despois a evolución dun presunto Nanus, Nalus, ou ¡vai ti saber!
Carruceiro [Arr]: O P. Sarmiento (no seu “Catálogo de voces...”) recolle a palabra ‘caruceiro’: “Especie de manzano silvestre, y sus manzanillas se llaman carozos...”.  En Asturias chámanlle ‘carruezo’ ou ‘caruezo’ (8). Na toponimia galega repítese con moitas variedades e coa alternancia de r simple ou dobre: Carrocedo, Carruceiras, Caroceiro, etc.
Cartelos [Cud]: Forma sincopada e plural de caritelo, diminutivo de caritel, ‘herdade, territorio murado’.(7)   
Casagrande [Can]: Iuxtaposición de dúas palabras comúns.
Casar do Mato [Arr]: Do latín casa + sufixo –arius, abreviado en –ar = ‘conxunto de casas’. É moi abundante polo que case sempre leva un predicado para que o identifique. Neste caso, a palabra tamén común ‘mato’ (matogueira), do lat. matta, tomado dun prelatino mato, mata cos significados de arbusto e planta e mais bosque ou selva.
Casares, Os [Arr]:  O mesmo étimo e significado ca o anterior. //  JAS: “Rochedo das quercíneas”.
Casilla, A [Can]: Nome relativamente recente, contemporáneo co ferrocarril, pois no seu “argot” chámase  así á casa onde viven (ou vivían) os guardeses encargados dos pasos a nivel. É palabra castelá inda que se empregue co artigo en galego. (Coido que a palabra “casilla”, como nome común, hai que traducila por “casa do guardés”, pero como topónimo hai que respectar a forma que lle deu a xente e pola que sempre foi coñecida.)
Casteadona [Cal]: (?)
Castro de Beiro, O (Parroquia e lugar da igrexa): Castro é un dos topónimos máis estendidos por Galicia. Do lat. castrum  ‘cidadela, campamento fortificado’ é a pervivencia no nome romano dunha realidade indíxena prerromana.
En Galicia hai moitos lugares (cumios xeralmente), habitados ou non, ós que se segue a chamar O Castro dando fe de que efectivamente, en tempos prerromanos, alí houbo un  castro. O curioso é que este é un nome latino cando esas construcións defensivas eran anteriores. ¿Como se chamaban antes do latín? Aparte dun nome xenérico (briga)  todos tiñan un nome propio formado por unha primeira partícula seguido do sufixo –briga. ¿Por que a moitos lle cambiaron a denominación que tiñan?  Porque para moita xente non era un topónimo, senón un nome común, e nese caso limitáronse a traducir as partículas que o compuñan. Por exemplo, “Castro mau” (castro malo) expresa en latín o nome composto que tivese en celta.
Caveanca, A [Bei]:  Na linguaxe común unha ‘cavianca’ é unha valgada pequena, pouco profunda. Caveanca debe de ser unha variante da mesma palabra.
Chantada [Bei]:  Pode facer referencia a unha pedrafita prehistórica (un menhir). Xeralmente este nome procede do latín pedra plantata, que por elisión da 1ª palabra e evolución da 2ª quédase en ‘chantada’. Por outro lado é palabra da fala común. (Participio feminino do verbo chantar, ‘cravar, espetar’. ) Nalgún documento medieval fálase de ‘pedra chantada’ para referirse a un marco de lindes. Con este precedente tamén é admisible que por alí houbese unha pedra chantada que marcase unha divisoria entre dúas ou máis xurisdicións antigas. // JAS: “Paraxe chan”.
Chapa, A [Cal]: Inda que ‘chapa’ existe no léxico común non me parece que teña nada que ver. //En portugués (5) a voz 'chapada', derivada de 'chapa', ten entre outras, a seguinte acepción: "Chã no meio da encosta de um monte;", que poidera ser aplicable. // Segundo JAS: “Río chan, non profundo”, pero alí non existe ningún río.
Chavasqueira [Cal]: En dicionarios galegos non atopo esta palabra, pero nun dicionario portugués (5)   di: “Chavasqueira. s.f.  terra imprópia para cultivar, chavascal”, e noutro Portugués-Español (9) leo: “Chavasqueira: f. Erial, gándara, tierra estéril.”  Como esas definicións concordan coa realidade do lugar onde casas e camiños están asentados sobre rocha pura non me queda dúbida de que ese é o significado. Só me fago unha pregunta: ¿Poñeríalle o nome un portugués ou pertencería esa palabra ó galego antigo?.
Cima da Costa  [Cas]: Nome descritivo en galego. Alude a unha realidade ben visible, a cima da chamada ‘costa de Canedo’.
Cirro, O  [Arr]:  Latín cirrus, ‘rizo, crina do cabalo’. Aplícase a “cerros”, con forma de lombo de cabalo.
Coíñás, Os [Cud]: Topónimo transparente: coíñás é o plural (en Ourense) de coiñal, “lugar de coios”. Efectivamente a terra dese sitio é unha mestura de coios e sábrego.
Conchada, A [Pal]:  Derivados do latín concha hai lugares chamados así, Concha, que aluden, nun principio, a eidos situados en concavidades do terreo. Aquí está en diminutivo, latín conchula. //  Tamén os derivados de conchula poden facer referencia as noces ou ás nogueiras pois eses froitos en moitas partes son chamados ‘conchos’ // Tamén hai que ter presente á ‘herba concheira’ (a escrofularia nodosa.)
Costa, A [Cud]:   Palabra do léxico común galego. Lat.: costa, ‘subida, pendente’.
Costoira [Cud]:  Persiste a opinión do P. Sarmiento de que deriva de custodias que fai referencia a un lugar elevado que sirve para custodiar, velar ou gardar (7).
Cudeiro [Parroquia e lugar]:  É un nome moi antigo e a terminación en –eiro parece que nos está a dicir que é un nome galego. Pero non podo afirmar cal podería ser a forma e o significado do nome orixinario. Quizais por isto non foi castelanizado porque ninguén sabería que era o que había que castelanizar. Unha posibilidade –na miña humilde opinión-  sería unha evolución do lat. cos, cotis, ‘coio, seixo, pedra pequena’ + sufixo colectivo –arius = ‘pedreira, pedregal’.  ( o>u; t>d; arius >eiro).
Cuqueira, A [Arr]: (?)
Eirasvedras [Can]:  Palabra composta formada polo plural de eira < lat. area e de vedra < lat. vetera ‘antigua’. Ven sendo como ‘eiras vellas’, semellante a Pontevedra, ‘ponte vella’.
Eirexa, A [Bei]:  [Can]: [Unt]:    Estes 3 nomes, dictaminados así no Nomenclátor da Xunta,  correspóndense con outros tantos lugares nos que  está situada a igrexa parroquial. Respectivamente son as de Santa Baia, San Miguel e Santo Estevo. O nome puido ser derivado directamente do latín ecclesia ou posto xa en galego,  nalgunha das múltiples variantes populares (ilesia, igrexa, airexa, airexa, etc.), alusivas á construcción relixiosa e, esas si, derivadas de ecclesia. (No buscador da Comisión de Toponimia a voz Eirexa ven 102 veces e a voz Igrexa, máis de 500. O que descoñezo son os criterios polos que escolleron un dos dous nomes.)
Eiroás, As [Cud]:   Quizais estemos ante un derivado do latín areola, un diminutivo de eira, eira pequena. O paso do sufixo diminutivo -ola a -oá é típico dunha zona de Ourense. // Tamén podería ser un xentilicio, de algún lugar chamado Eiroa, que os hai. “Os de Eiroa” = “Os Eiroás”. Pero neste caso non concorda o xénero actual do artigo. // E na mesma liña podería ser un xentilicio femenino de Eiró (o que nun equivalente castelán sería 'Las eiroanas'), pero, ainda que hai alguna aldea chamada Eiró, non parece probable pola pouca relevancia da tal aldea.
Esparreliña, A [Unt]:  Na linguaxe común unha ‘esparrela’ é unha trampa para cazar paxaros, unha especie de gaiola sen fondo feita de vimbios ou varas. Esparreliña pode ser un diminutivo desa palabra.
Estación, A  [Arr]: Topónimo relativamente novo e totalmente transparente. Ó redor da estación ferroviaria de Santa Cruz.
Fechos [Esta aldea é a única da parroquia de Trasalva que pertencía a Canedo, agora Ourense]: O nome pode ser ou non do vocabulario común. Fecho é sinónimo de pecho ou pechadura. Tamén é unha peza do carro, coa alternancia fecho/pecho. Pero hai que admitir que ningún deses conceptos é habitual na formación de topónimos. // Se fora en feminino habería que pensar na palabra común ‘fecha’ (lat. fistula) que pode ser unha pingueira ou unha fervenza. O cambio de xénero tampouco é imposible.
Figueiredo [Unt]:  Palabra común. Do lat. ficaria, ‘figueira’ máis a sufixo abundancial –edo.
Fontelo [Can]:  É unha fonte pequena. Deriva de  fontana + -ellum (diminutivo)
Freixedo [Cas]: Transparente. Lat. fraxinus ‘freixo’ + o  sufixo –edo < -etum.: fraxinetum,   lugar de freixos.
Garavanzal, O [Arr]: Topónimo transparente. Garavanzal é a horta adicada a garavanzos. O que pasa é que non sabemos a que especie se está a referir. Na Galicia do século XIX ó garavanzo actual chamábaselle ‘garavanzo castelán’ e o garavanzo, sen máis, era unha variedade de faba.
Garduñeira, A [Arr]:  En galego, como nome común, esta palabra ten dous significados: 1,  lugar onde unha garduña ten a súa gorida  e 2, trampa no monte para cazar alimarias.
Golpilleira, A [Arr]: Palabra común, sinónimo de ‘raposeira’.  Ven do lat. vulpecula, diminutivo de vulpes, ‘golpe, raposa’.(10)
Granxa, A  [Arr]: [Cud]: Topónimo moi estendido. O primeiro uso en Galicia da palabra granxa, lat. *granica, ‘gran, semente’, foi para designar unhas explotacións agrarias dependentes dos conventos. Escrito xa como grangia no latín medieval.
Guizamonde [Cal]:  Posiblemente derive da expresión latina *(villam) Wizamundi, e dicir,  ‘(vila) de Wizamundus’.
Guxilde [Vil]:  Provén de Godegildi, xenitivo do nome xermánico Godegildus. A expresión orixinal latina sería  *(villa) Godegildi.
Lagar, O  [Bei]:  [Cas]: [Vil]:  Aparentemente é un topónimo transparente, máxime coa conservación do artigo. Indicaría que neses lugares  existiu tal trebello.  
Lama, A  [Pal]:  Hai dúas posibilidades, se ben moi próximas entre si polo emparentamento arcaico de dúas formas primitivas. Unha podería ser a propia voz galega, lama, derivada do lat. lama, ‘lama, bulleiro’. A outra, a voz prerromana, acaso do celta, lama, ‘lameiro’. //  Se fose todo xunto, Alama, habería que pensar nun árabe al hammam,  ‘baños ou lugar social de reunión.’
Ludeiros [Vil]:  Probablemente do latín lutariu, abundancial de lutu, ‘lodo, lama’ = lugar con moito lodo. //  Non se pode descartar a forma  Lodoeiro: árbore da especie Celtis Austyralis (chamada almez en castelán).
Lugar do Monte [Vil]:  O nome, propiamente, é Monte; se se lle antepón o de Lugar é para individualizalo. Topónimo, en principio, transparente. (Sen esquecer que nesta bisbarra abunda o apelido Montes o que podería ter algunha relación.)
Madrosende [Bei]:  Lugar dun castro prerromano. A terminación suxire o sufixo –sindi (xenitivo de –sindus‘). (A voz –sindus, que forma parte final de moitos nomes xermánicos de persoa, vén do gótico sinths, ‘camiño, expedición militar’). Efectivamente Madrosende deriva de *(villam) Matrosindi, ‘(vila) de Matrosindus’.
Mesón, O [Arr]: Probablemente recorda un mesón situado nun antigo camiño. ¿Ou un accidente orográfico?
Naves [Pal]:  ¿Será como Navas? Nava é palabra celta que logo pasou ó latín e ós romances peninsulares. Designa unha chaira elevada que pola súa forma pode concentrar auga de chuvia. (Soe usarse en plural.) ¿Non puido dar ‘nave’ nun lugar determinado e nun momento preciso? De feito os filólogos admiten a alternancia nava/nave como factible na documentación medieval. A orografía do lugar de Naves (non a do mosteiro) responde exactamente a esa definición de ´nava´. // Cabeza Quiles (1992) di que debe de facer alusión á construción relixiosa (a nave da igrexa) do mosteiro de Santa Comba. Eu desconfío de que é ó revés, de que a aldea de Naves é anterior ó mosteiro e que este, Santa Comba de Naves,  adoptou ese distintivo por ser Naves o  lugar máis cercano.
Nogueira [Cas]:  En principio parece que se está a referir a unha árbore dese tipo, a que produce noces (do lat. nucaria, ‘nogueira’),  pero JAS di que é “Muíño frío” (?).
Oira [Cud]:  Nome dun castro cercano, o máis próximo ó solar de Ourense. O nome ten máis de 2000 anos, pero os autores non se acaban de poñer de acordo. Predominan os que o relacionan co ouro (latín aurum). Segundo Cid Rumbao Oira significa ‘lavadoiros de ouro’.// En galego-portugués ‘oira’ significaba  vértigo, vagado. // ¿Terá algo que ver ca palabra celta olga, ‘terra labrada’? Non sei se as  evolucións do celta ó latín e galego poderían dar esa forma. Olga, en portugués e en galego antigo, é unha leira ou unha planicie entre outeiros. En castelán, existe na toponimia o seu equivalente coa forma Huelgas, e ten o significado de ‘hortas á beira dun río’, realidade que se da en Oira. // Outra pista, sen maior compromiso, sería a do nome xermánico WARA , que significaba ‘atenta, coidadosa’.
Outariz [Can]:  Provén dun  nome de poseedor, Audericus. De *villam Auderici. // O principio da palabra fai pensar nun lat. altus, ‘lugar elevado’, pero o sufixo –iz non deixa lugar a dúbidas.
Outeiro [Cud]:  [Arr]: [Pal]: [Unt]:  Nome transparente derivado do lat.  altarium  a partir do cal   supostamente experimentou a seguinte evolución: *altarium > *autario > *autairo > outeiro.
Palleiro, O [Arr]:  Palabra común. Do latín paleariu, ‘palleiro’.
Palmés [Parroquia e lugar]:  (Fernando Fulgosio (3) cita Sta. Comba de Naves e S. Manuel (sic) de Palmés como parroquias distintas o cal non está nada claro.) O nome coincide cunha palabra do léxico común, pero non creo que teña nada que ver: Dicc. RAG. Palmés: Que ten a planta dos pés plana. Tamén pode ser un sinónimo popular de’palmípedo’ (relativo ó grupo de aves das palmípedes), pero tampouco lle vexo relación. Así mesmo podería parecer un xentilicio dalgún lugar chamado Palma, pero non hai tal por Galicia.
Paradela [Vil]:  A palabra significa  parada ou lugar de descanso nunha encosta, pero en diminutivo. Así como as escaleiras teñen os seus “descansos”  tamén as hai nas subidas dos montes. (Dim. do p.p. do lat. parare, ‘preparar’.)
Paraiso [Cal]:  Do latín paradisum, ‘xardín, paraíso’, pero nunha acepción concreta de gran parque ou finca pechada, recordando ó Paraiso do Xénese. (Se o nome fose moderno –que non o é- habería que pensar que llo tería posto algún bromista debido a que está ó lado de San Pedro e Santa Ana.)
Pazos [Cas]: Topónimo abundante en Galicia. Palabra común. Do  lat. palatium, ‘pazo’.
Peliquín [Cud]: A terminación en –ín induce a pensar que estamos ante o nome, xenitivo en –ini,  dun poseedor medieval (-inus). Como é o caso de Marín, Petín, Gundín, etc.
Pereiro, O [Pal]:  Pereiro en linguaxe vulgar designa dúas árbores froiteiras distintas: 1, a pereira, produtora de peras e 2, un tipo de mazaira que da os peros, mazás con forma de pera.  Do lat. piraria e pirariu, respectivamente
Pino, O [Cal]: Dúas posibilidades: 1, lugar ‘pino, empinado, costento’. 2, piñeiro illado que sería coma un punto de referencia. Inda que en galego a palabra enxebre é piñeiro tamén está documentada ‘pino’, pero  para chegar a ser un pino punto de referencia tiña que ser unha excepción da vexetación do lugar. É dicir, tiña que haber un só (se non sería un piñeiral) o cal non é doado. Navaza Blanco di ó respecto que “Podemos conxecturar que os escasos topónimos en que aparece pino han de ser recentes, do XVIII ou posterior ...” (8)   
Pombal, O [Cal]: Palabra do léxico común: construción para gardar pombas domesticas. (Do lat. palumbalem, “pombal”)
Ponte, A / Puente-Canedo [Cal]: O que hoxe é un distrito importante da cidade de Ourense empezou sendo un pequeno casarío ao pé da Ponte Vella e de aí tomou o nome. Inda que estaba cerca do Ribeiriño, das Tapias ou de Quintián o sitio, en si, non tiña propiamente un nome polo que a xente para referirse a el falaban do “barrio da Ponte”, por estar ó lado da Ponte Vella. (“Vou a Canedo, ao barrio da Ponte”). Despois da chegada do ferrocarril comezou a medrar espectacularmente e ese grupo de casas que era un barrio deixaría de selo para converterse na capitalidade do municipio.
Ponte do Val, A [Arr]: Topónimo, en principio, transparente.
Porta do Prado, A [Arr]:  Si, a xente chámalle así e o Nomenclátor da Xunta tamén, pero a min, non sei por que, fáiseme raro. Os prados soen ter portelos ou cancelas, pero portas non. Podería ser ‘Porto do Prado’. Ou ¿non sería ‘posta’ en vez de ‘porta’? (Dicc. da RAG: “Posta: Lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente se efectuaba o cambio de cabalos das dilixencias, correo, etc.”) (Este lugar é  onde está a gasolineira de Santa Cruz, no cruce coa estrada de Trasalba. Bo sitio para unha posta.)
Porto [Can]:  Palabra indoeuropea,  “paso entre montes”.  (Non ten nada que ver co lat. portus “porto de mar”.)
Pradobó  [Pal]:  Aparentemente é unha contracción de ‘prado’ e ‘bo’, palabras do vocabulario común. 
Quintela [Can]:  (Topónimo, con Quinta, Quintáns, Quintana, etc., moi estendido por Galicia) Do lat. < quinque-cinque,  “quinta parte do botín”, tradición xermánica. Despois as ‘quintas’ foron asimiladas as villae co significado de ‘vilas, casaríos’. Este leva, ademais, o sufixo diminutivo –ela.
Quintián [Cal]:  Parece vir de (*villa) (de) Kintilanem, acusativo do nome xermánico Kintila,  -anis (despois  escrito Quintiliano).
Ramirás, Pazo de [Arr]: Provén do latín  *(villam) Ranemiranis, e dicir ‘vila de Ranemirus’.
Reboredo [Pal]:  Topónimo transparente. Reboredo é un lugar poboado de rebolos, unha especie de carballos de tronco pequeno, os Quercus robur.  Lat. roburetum.     
Rega, A [Cud]:  Palabra común: acción e feito de regar.
Regoalde [Bei]:  De *(villam) Recoaldi, ou sexa, ‘vila de Recoaldus’. 
Requeixo [Can]:  ‘Queixo’ e ‘queixa’ son étimos que designan terreos costentos que rematan en chairas, unha especie de depresións en forma de caixa (caixa: do lat. capsa).  Son “caixas orográficas”. P. Celdrán  di que son sempre lugares pouco accesibles polo abrupto do terreo.
Reza Vella [Cal]: Reza significa ‘pesqueira’. (Do latín retia, plural de rete, -is, ‘rede’) (4)  Leva o predicado de ‘vella’ para non confundila ca outra, máis nova, que hai na beira contraria do Miño.
Ribeiriño, O [Cal]: O Ribeiro, como é sabido, é unha comarca da provincia de Ourense produtora de viños. O Ribeiriño, como se tratase de emular a esa comarca, leva o nome en diminutivo, non sabemos se posto ironicamente polos foráneos ou, con orgullo polos propios veciños.
Saceda  [Pal]:  É unha derivación do latín herba salax, ‘saramago’ (10)  //  Pola súa parte, ‘saramago’ (en castelán ‘jaramago’) deriva, probablemente, do árabe sarmaq. // Outros relaciónano con  Salceda < lat. salix, salicis, ‘salgueiro’ + -eda.       
San Pedro [Cal]  Topónimo, en principio, transparente.
Santa Ana [Cal]   Topónimo, en principio, transparente.
Santa Cruz  [Arr]: Topónimo, en principio, transparente.
Sartédigos [Vil]:  (?)
Sas [Bei]:  Escrito Saas antes da normativización, é o plural de ‘saa’ e este pode ter dúas orixes: do xermánico saa, ‘sala’ ou do tamén xermánico (gótico) sala, ‘casarío’ ou ‘fortín’. (Ver o seguinte)
Sas [Unt]:  Este xa se escribía cun só ‘a’, pero penso que se lle pode aplicar os mesmos posibles étimos do anterior. ¿Ou terá cada un seu? (Ver o anterior)
Seoane [Can]: Haxiotopónimo de orixe latina, derivado de Sanct Iohannis (San Xoán).
Sistís [Arr]: Se Ourense fose zona de seseo este sería un derivado do nome romano Sixtinus pero como non o é, ese suposto tería dado un Sistiz, que, como vemos, non é o caso. E non sei máis. (Poseedores con nome –ricus, -rici dan –is / -iz segundo sexa zona de seseo ou non. Hai un Gomarís en Zas (A Coruña) e un Gomariz en Ourense, por exemplo. Sistís podería ser unha excepción.)
Sobreiral, O [Unt]:  Palabra común. Abundancial de sobreira, a árbore da cortiza.
Soutelo [Cud]: Transparente. Se o souto é un terreo de castiñeiros o soutelo é un souto pequeno.
Souto de Rei [Cud]: Souto, desde logo, é un terreo poboado de castiñeiros, pero a segunda parte, hai que matizala. Efectivamente, este podería ser un souto de xurisdicción real  ou ben un souto de propiedade comunal, que levaban esa denominación. De non ser así, habería que pensar que estamos ante un produto de etimoloxía popular e que, en realidade, podería tratarse dun antropónimo xermánico rematado en –redus. Estes nomes tiñan o xenitivo en –redi que da topónimos en –rei. Como, por exemplo, Carderedus que deu Carderrei, unha aldea de Silleda, que non ten nada que ver con 'rei'.
Souto do Río, O [Arr]: Topónimo, en principio, transparente.
Tafona, A [Arr]:  Palabra común de orixe árabe, forno de pan.
Tapias, As [Cal]:  En Toponimia Galega a palabra ‘tapia’ (igual ca de ‘tapada’) fai referencia a herdades pechadas. Aquí, ó estar en plural, vese que eran varias. A palabra ‘tapia’ é prerromana é sigue presente en tódolos romances da península inda que o significado non sexa exactamente coincidinte.
Tarascón  [Can]: Parte duna raíz preindoeuropea tar-, que o mesmo pode ser hidronímica como onírica. Dela deriva seguramente a palabra galega -hoxe en desuso- 'tara' que os dicionarios definen como "relevo rocoso ó que só suben as cabras". Este Tarascón está entre o rio Miño e un monte do tipo mencionado. Hai un Tarascón francés que o parecer está tamén sobre un rochedo ó pé do Rodano. (11)   
Turei [Bei]:  Da expresión latina *(villam) Toderedi, ‘vila de Toderedus’.
Untes (Parroquia) (?)
Val da Gola [Cud]: Castro primitivo. Gola é un paso de montaña. (No levante peninsular é un paso acuático.) Houbo os nomes xermánicos  Golinus e Gollia  ¿Terán algo que ver?    
Valdorregueiro  [Cud]: Topónimo  curioso  que corresponde a unha veiga que hai entre Cudeiro e O Vinteún. E digo curioso porque aí un regato ou regueiro sen nome dálle nome ó val que o acolle: “Val do regueiro.”
Val dos Gozos [Cud]:  Outro val. Pero ¿que quererá dicir iso dos ‘gozos’?
Val, O  [Arr]: Transparente.
Valdolide [Vil]:  Podería ser  como Valladolid aínda que para este non se poñan de acordo os tratadistas. Os máis propugnan un árabe < Balad al-Walid , “Lugar de Walid”. Neste caso as evolución serían: Castelán:  baladwalid > baladulid > Valladolid. Galego: baladwalid >  baladulide > Valdolide. // E. Bascuas propón Vallis Oliti (documentado no caso de Valladolid en 1143 como Ualledolit), e decir, Val de Olitus, que daría en galego este Valdolide. En Galicia hai, cando menos, outros dous lugares con este nome: un no Concello de Touro (A Coruña) e outro no da Pobra do Brollón (Lugo)
Vilanova [Can]: Transparente.  Palabra composta de outras dúas do vocabulario común: Vila e nova.
Vilar de Astrés (Parroquia e lugar): O nome propio é moi común: vilar, casarío, aldea, etc. En latín villaris empezou designando unha granxa, logo unha pequena aldea e máis tarde un núcleo máis grande. Neste caso, para individualizalo, compleméntase co predicado ‘de Astrés’. (Ver máis arriba: "Astrés".)
Vilariño [Cas]:  Diminutivo de Vilar.   
Vinteún, O [Cud]: Neste lugar, hoxe urbano, en tempos –cando Canedo era Concello- pertencía á parroquia de Cudeiro, pero moi cerca da parroquia das Caldas e do lugar de A Ponte, e aí –nun gran campo- celebrábase unha feira de gando tódolos días 21 de cada mes.  A expresión “o campo da feira do vinteún” foi sufrindo elipses ata quedar o nome reducido a ‘O Vinteún’.
Viñoá, A [Cud]:  Un diminutivo do latín vinea, ‘viña’, é vineola. Este evolucionou o seu sufixo de distintas maneiras, unha delas facendo ola > oá, como é este caso. Quere dicir, polo tanto, ‘viña pequena’.
Viso, O [Cud]:  Palabra galega inda que hoxe sexa pouco usada. Do  lat. visus,  ‘viso, lugar alto e con boas vistas, como efectivamente é este viso / Viso.

Volver a INTRODUCCIÓN



Para Volver das notas picar na frecha do navegador.

(1) Mad = Pascual Madoz Ibáñez.-  “Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar”. 1845-1850
(2) JAS = Julián Aydillo Sanmartín, “Pueblos y apellidos de España. Diccionario etimológico”.- 2.006
(3) Fernando Fulgosio,  “Crónica de la Provincia de Orense”, 1866
(4) José-Santiago Crespo Pozo. “Nueva contribución a un vocabulario Castellano-Gallego”. 1982
(5) J. Almeida e A. Sampaio (Dicionários Editora).- “Dicionario da Lingua Portuguesa”, 1981
(6) Pancracio Celdrán, “Diccionario de topónimos españoles y sus gentilicios”. 2009.
(7) Fernando Cabeza Quiles, “Toponimia de Galicia”, 2008
                                               “Os nomes da terra”, 2000
                                               “Os nomes de lugar”, 1992                                                         
(8) Gonzalo Navaza Blanco, “Fitotoponimia galega”,  2006
(9) Julio da Conceição Fernandes (Diccionarios Cuyás).- “Diccionario Portugués-Español”,
(10) Abelardo Moralejo Laso, “Toponimia gallega y leonesa”, 1977
(11) Edelmiro Bascuas. “Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia.“ 2006