MEMORIA DE OURENSE    


A Ponte Nova


Para evitar a conxestión da Ponte Vella (a Romana) e para facilitar a comunicación ca estación do FF.CC., aberta en 1881 no Concello de Canedo, o Ministerio de Obras Públicas construíu esta segunda ponte, chamada Ponte Nova. Adxudicada en 1910 a unha empresa de Bilbao, por un importe de 1.157.000 ptas., inaugurouse en 1918, unindo (como segunda alternativa) ós dous concellos que daquela había en cada unha súa beira do río. Complemento desta obra foi a apertura dunha estrada dende esa ponte ata o Campo de San Lázaro, para empatar alí ca, entón, chamada "Travesía".

Esta ponte e, antes, a estrada Villacastín-Vigo determinaron o desenvolvemento urbanístico de Ourense. A partir deses feitos a cidade comezou a saír daquela área restrinxida e tradicional na que estaba asentada -os arredores das Burgas e da praza Maior- e encetou a súa novedosa e constante andadura de cara ó río Miño e á Ponte Vella, dos que, a dicir verdade, sempre estivera, ata entón, "relativamente" lonxe.

Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2007