MEMORIA DE OURENSE    


Estatua do P. Feijoo


Inauguración

Hoxe

No ano 1887 inaugurouse en Ourense un monumento a Frei Benito Jerónino Feijoo y Montenegro, máis coñecido como Padre Feijoo, erudito, ensaísta, sabio e polígrafo español, nacido no ano 1676 no lugar de Casdemiro, en Santa María de Melias, preto da cidade de Ourense. A súa extensa obra comprende desde 118 discursos expostos nos 8 volumes do seu "Teatro Crítico Universal" ata 166 ensaios que forman outros 5 volumes das "Cartas eruditas y Curiosas". A publicación destas dúas obras efectuouse entre os anos 1724 e 1760. A parte escribiu unha multitude de obras menores, todas elas presididas por un afán renovador, científico e ilustrado e por unha clara oposición a supersticións e convencionalismos, actitudes que lle proporcionaron unha morea de críticos e detractores.

No ano 1876 celebrouse en Ourense con gran pompa e boato o segundo centenario do seu nacemento. Entre os actos a celebrar figuraba un «Certamen literario en conmemoración del nacimiento del sabio Padre Feijoo». No tal certame, uns premios, os poéticos, foron para Lamas Carvajal e Emilia Pardo Bazán. Outros premios, os relativos a estudos críticos, resultaron polémicos, con grandes diverxencias e conflitividades. A competición por ese premio estaba establecida entre dúas mulleres, ambas galegas e ambas de prestixio nacional. Unha, liberal e populista (Concepción Arenal) e outra aristócrata e conservadora (a Condesa de Pardo Bazán). As crónicas dos pormenores dese Certame, hoxe, con máis dun século de perspectiva, resultan ser un cúmulo de curiosidades ben esclarecedoras do ambiente da época. Cos seus resaibos de política, de machismo, de prexuízos, etc. ...

Os interesados no tema (de resonancia nacional no seu momento) poden consultar, entre outros, un extenso traballo do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández e outro, máis curto, da profesora Ana María Freire López. Ambos traballos están dixitalizados na "Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes" e pódese acceder a eles dende os seguintes enlaces:
          Barreiro    (Unha vez aberto ir á páxina 2)
          Freire

Coincidindo cos actos conmemorativos xurdiu a idea de erguer un monumento en honor do ilustrado frade. Tal idea non callou ata 1883, ano no que a Deputación aprobou a súa erección. O promotor principal foi o alcalde, o banqueiro D. Manuel Pereiro Rey, quen logo costearía case a totalidade -pese a que se dixo que fora erexida coa aportación do pobo-, deseñou o pedestal e o cerre e recinto da zona verde e organizou os festexos.
En 1887, a obra, orixinal do escultor Juan Soler, sae da fundición Wohlguemuth de Barcelona, instálase na Praza de Isabel A Católica e vén a inaugurarse o 7 de setembro do mesmo ano cuns grandes festexos de repercusión nacional. O debuxo da cima, relativo a tal acontecemento, apareceu no Nº 35 (de 22 de setembro de 1887) da revista "La Ilustración Española y Americana".

A portada da mencionada revista reproduce a estatua. Nese mesmo número tamén figuran un debuxo dunha vista xeral da cidade e outro dun arco conmemorativo na rúa de Alba. Véxase:

Portada da revista
Vista xeral da cidade.
Extractos da noticia
Arco de trunfo.

Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2007