Breve resumo da Historia de Ourense

[ + ] : Ampliación información

No transcurso do tempo o solar de Ourense foi:

• Un lugar máxico, misterioso, quizais sagrado. (Época pre-romana.)
É crenza xeralizada que as primeiras infraestructuras que houbo no que hoxe é Ourense foron as fontes das Burgas (cun nome perdido) -un lugar máxico ó que peregrinaban os poboadores da zona- así como tamén algún tipo de instalación ou casarío asociado a esas fontes. [ + ] 1

• Civitas romana.
No ano 137 a.C. empezan as invasións dos romanos e as guerras de resistencia que habían de durar algo máis dun século. [ + ] 2
En Ourense, ó lado dese “algo” que había xunto As Burgas, asentan un campamento que pasado algun tempo se iría consolidando ata convertirse nun acuartelamento permanente no que construiron un Praesidium. Ó tempo o limitado casarío primitivo iría collendo a forma dun vilar, un vilar lonxitudinal, de Norte a Sur, no que hoxe é a rúa chamada (precisamente) do Vilar.
Acadada a pax romana veu a romanización que supuxo, como é sabido, aparte dos cambios –paulatinos- de dereito, cultura, lingua e, máis tarde relixión, a apertura de novas vías e diversas obras públicas. Ourense, Auriense (”a cidade do ouro”), concretamente e que se saiba, aparte do citado Praesidium (onde hoxe está o Museo Arqueolóxico), víuse beneficiado polo paso dun ramal da Via de Bracara Augusta a Asturica (Braga a Astorga) e, como parte desa obra, pola construcción da primeira Ponte sobre o río Miño nas súas proximidades. No século I d.C., posiblemente en tempos do Emperador Augusto (27 a.C.-14 d.C.)
A resultas da pacificación e como consecuencia das ordes romanas –non sempre cumplidas- de prohibir a vida nos castros, o vilar, pouco e pouco, foise convertindo en civitas que se iría alongando polas actuais rúas Cervantes, Barreira e adxacentes e disfrutando dunha extensa explanada comunal adxunta (o espazo que hoxe ocupan a Praza Maior, a Casa Consistorial e todos os seus anexos traseiros), daquela, quizais, o solar do primeiro campamento provisorio.
Esta situación permaneceu estable e rutinaria (dentro da progresiva romanización) durante máis de catro séculos.

• Burgo latino-xermánico. (250 anos)
No ano 463 os suevos, en guerra cos galego-romanos, atacan e arrasan a cidade. [ + ] 3
Esta, pouco e pouco, irase recobrando, se ben, agora, totalmente sometida ós suevos. É probable que nalgún momento do seu reinado tivesen establecida en Ourense a súa Corte Real.
No 550 o rei suevo Carriarico convértese ó cristianismo para obter a curación do seu fillo, feito que ocorre milagrosamente en Ourense por mediación de San Martiño de Tours. En agradecemento erixe nesta cidade unha catedral en honra do dito santo establecendo (ou confirmando), ademáis, unha sé episcopal na dita cidade. Pénsase que o solar desa primeira catedral foi o da actual Igrexa de Santa María Madre.
No ano 572 nas actas do II Concilio de Braga menciónase (por primeira vez) á Sé Auriensis por ser o seu bispo un dos asistentes. Tamén se constata a presenza doutro bispo auriense no (presunto) I Concilio de Lugo, no 571. [ + ] 4
No ano 583 os visigodos anexiónanse o reino suevo e no 585 dominan a cidade de Ourense. Esta seguiu a ser sé episcopal e cidade de importancia como o demostra que varios reis visigodos (cando menos Chindasvinto e Siuintila) acuñaran nela moeda.

• Campo de desolación. (4 séculos)
Vencidos os visigodos polos árabes, ano 711, iníciase unha época escura. O musulmáns non chegan a ter un dominio permanente na zona preferindo expedicións esporádicas de pillaxe e rapina. Ignórase quen exercería o poder na cidade a pesar de que, teoricamente, houbese uns reis de Galicia ou de Asturias. (Algúns libros de texto falan de que a cidade foi reconquistada por Alfonso I, pero como a primeira chegada dos "mouros", a razzia de Abd-al-Aziz, non se pode considerar realmente unha conquista o termo "reconquista" carece de sentido.) A cidade foi asolada, eso si, cando menos, en catro ocasións:
Ano 716.- Razzia de Abd-al-Aziz ben Musa.
Ano 985.- Razzia de Almanzor.
Anos 1015 e 1024.- Ataques de normandos.
Da situación da urbe nas entremedias destes ataques non se poñen de acordo os investigadores. Como exemplos documentais podemos citar un privilexio outorgado por Alfonso III no ano 886 á igrexa ourensá no que afirma que o rei tornou habitable esta terra e outro de Sancho II no 1071 no que di que a cidade (“civitate Auriense super flumen Minei”) está “ viuda de habitantes e guarida de alimañas e aves sórdidas.
Neste último documento noméase a un tal Ederonio como bispo de Ourense. Parece que despois de anteriores e fallados intentos dos seus antecesores esta nova orde de restauración resultou, agora si, efectiva. Ederonio comeza en 1084 as obras dunha basílica nova, adicada a Santa María, supostamente no mesmo solar que a antiga suévica de San Martiño que levaba séculos derruída.

• Feudo episcopal.
No ano 1100 é nomeado bispo D. Diego Velasco (Diego III) que exercerá ata 1132. En 1122 a “raíña” Tareixa de Portugal concédelle, para el e para o seus sucesores, a xurisdicción da cidade o que o convertía en amo e señor (ó estilo feudal) de todo o contorno. É moi posible que o tal D. Diego soubese actuar con precisa astucia e habilidade aproveitándose da conflitividade entre as fillas de Alfonso VI [ + ] 5. De calquera xeito en 1131 o novo rei Alfonso VII (fillo e sucesor de dona Urraca) confirmaría a xurisdicción e os foros a favor do bispo que 9 anos antes outorgara a súa tía.
D. Diego, convertido en “señor” de Ourense, concede, á súa vez, unha “carta-poboa” [carta de poboamento pola que se daban facilidades á xente para asentar nun territorio], fixa a poboación da cidade, emprende a restauración do Pazo Episcopal (outrora Praesidium romano e Pazo suevo) e ergue enfronte unha torre defensiva (a Torre de San Martín, onde despois estivo a Cárcere da coroa, hoxe por detrás da Casa do Concello).
O comercio do viño marca unha época de esplendor. En consecuencia o bispo D. Pedro Seguín (1157-1169) empeza unha nova Catedral (a actual) no extremo Norte da cidade. Na parte Sur érguese a Igrexa da Trindade (polo 1178), construción de tipo defensivo que fai pensar, pola súa ubicación, nunha recente expansión da cidade pola zona.
As obras da Catedral serán continuadas polos sucesivos prelados. En 1188 conságrase o altar principal. O bispo D. Lorenzo (1213-1248) conclúe a nave central, o Pórtico do Paraíso e a torre das campás. Este mesmo bispo reconstruíu a Ponte Romana.
O Concello (concilio) de Ourense é citado por primeira vez nun documento de 1188. Este organismo, representante dos veciños da cidade fronte ó poder feudo-episcopal, foi adquirindo maior relevancia, igual que certas familias nobiliarias, e a mediados do século XIII as tensións sociais fanse evidentes. Os conflitos concello-bispo, nobleza-veciños, nobleza-bispo e, incluso, bispo-monarquía sucédense entrelazados. Se quixésemos poñer unha data de referencia esta podería ser o ano 1256 no que o Concello presta homenaxe directamente ó rei Alfonso X en vez de facerllo ó Bispo como “legalmente” correspondía. [ + ] 6
A resultas dun dos moitos episodios violentos, quizais concretamente o do ataque do Duque de Lancaster, púxose en evidencia a vulnerabilidade da cidade que non estaba amurallada. No século XIV erguéronse varias torres defensivas no interior (a de Sta. María -adosada o Pazo Episcopal-, a dos Brancos e a do Curral), pero o común das vivendas estaba desprotexido. O Bispo D. Pascual pretende amurallala pero o proxecto –quizais por custoso- haberá de conformarse cun resultado efémero: o perímetro queda cerrado polas traseiras das casas e onde estas non chegan móntanse unhas vallas ou tapias, á vez que se marcan unhas portas, que se irían ampliando co tempo, polas que había necesariamente que pasar para entrar ou saír da cidade.    [ + ] 7 Esta decisión determinou que a cidade quedase entalada nun contorno perfectamente definido que se había de manter inalterable ata mediados do século XIX.

• Cidade entalada.
No 1474 foi proclamada raíña de Castela Isabel de Trastámara, logo coñecida como A Católica. Fose pola súa política [ + ] 8, polo cambio de época e mentalidade ou por outras causas ó caso é que aí comezou unha fase de pacificación social que trouxo prosperidade e melloramento da cidade. Pénsese que durante os anos anteriores dese convulso século XV a poboación sufrira un retroceso demográfico pasando dos 3.000 habitantes de mediados de século os 1.800 de finais.
Agora a cidade, pese a estar encaixada nuns lindes, coma toda cidade medieval, pasa a comportarse coma unha cidade do Renacemento. O Concello edifica a súa primeira Casa Consistorial en parte da Praza do Campo (actual Praza Maior), constrúe un matadoiro, lavadoiros nas Burgas, etc. Xorden novas casas e urbanízanse outras rúas, como a Rúa Nova –hoxe Lamas Carvajal- onde asenta unha colonia de xudeus. O Cabido acomete a construción do ciborio da Catedral, da Capela do Santo Cristo, da torre do reloxo e outras innovacións. Complétase a igrexa da Trindade, constrúense as capelas de San Cosme e San Damián, o Hospital de San Roque, a ermida dos Remedios (nas aforas da cidade, xunto á Ponte), casas da época como a dos Oca (hoxe Liceo), a de Mª Andrea, a dos Deza (na rúa da Obra, hoxe Lepanto), a dos Sotelo (na mesma rúa), a dos Gayoso (na praza das Damas), etc.
En 1484 chega o primeiro Correxidor, enviado polos Reis Católicos. Con estes cargos os poderes feudais da aristocracia (dos bispos no caso de Ourense) irían devecendo pouco e pouco. O golpe definitivo –no caso de Ourense- viría en 1586 co nomeamento dun Correxidor, con máis poderes, por parte de Felipe II. (Inda así, os bispos aínda tardarían uns anos –ata 1628- en renunciar expresamente á súa histórica xurisdicción.)
No aspecto económico o século XVI supuxo unha etapa de crecemento mentres que os séculos XVII e XVIII foron outra de estancamento.
No XVII asentan na cidade dominicos e xesuitas, feitos duna certa repercusión urbanística.

• Cidade aberta.
O Ourense de lindes estables, “formada” dende o século XIII (inda que admitindo reformas interiores) e ca súa silueta inalterada, chegado o século XIX deixa de existir. Convertida en capital de provincia en 1833 a cidade parece espertar. [ + ] 9
Na Corredoira (hoxe Sto. Domingo), fóra dos lindes históricos, constrúese o chamado Barrio Novo.
En 1836 inícianse polas aforas da cidade as obras da estrada Villacastín-Vigo.
As portas da cidade foran desaparecendo no século anterior. En 1837 acórdase expresamente derrubar as 3 que quedaban en pé.
O tramo máis próximo da estrada de Vigo está rematado en 1840 e xa se considera rúa, a rúa do Progreso.
Pouco e pouco vanse abrindo novas rúas onde antes só había viñas e a cidade empeza a súa expansión.
Como símbolo do afán de renovación (inda que pouco atinado) está o acordo do Concello de 1850 de cambiar a maior parte dos nomes das rúas. [ + ] 10 Esta decisión, promovida por xente foránea, veu ser unha triste forma de renegar do espírito e da historia da cidade.
En 1881 chega o ferrocarril ó veciño Concello de Canedo.
En 1918 inaugúrase a Ponte Nova ca súa Travesía ata a cidade histórica. Constátase palmariamente a ruptura do perímetro urbano tradicional ó se construír tanto nas novas rúas do ensanche como en núcleos illados ciscados polo contorno da cidade os cales, co tempo, darán lugar ós distintos barrios, hoxe totalmente compactados nun conglomerado único.
En 1943 o Concello e Ourense absorbe ó de Canedo co que duplica a súa extensión.

SAÍR

Ver planos da evolución urbana

© M.D.Q.-2008