MEMORIA DE OURENSE    


Avenida Curros Enríquez


 

- Cando se comezou a erguer a Ponte Nova sobre o Miño, a cidade de Ourense acabábase no Campo de San Lázaro. Había 38 anos que se abrira ata alí a Travesía (actual Paseo), pero a urbe índa non fora quen de atravesar ese espazo. Coma se non asimilara o enorme estirón que supuxera prolongar considerablemente a rúa do Instituto (Hoxe Lamas Carvajal). Sen embargo ó trazar esa Ponte era inevitable facer os accesos para chegar ata ela. Estes accesos pola parte de Ponte Canedo chegarían ata a estación do F.C. e pola parte de Ourense ata o Campo de San Lázaro, enlazando esa nova vía ca rúa de Vicente Pérez (hoxe tramo final do Paseo). Para facer isto houbo que rebaixar o nivel co obxecto de igualar a nova rasante ca da vía xa existente. Desde esa ocasión o Campo, hoxe Parque, está a distinto nivel da rúa debido a que conserva a altura primitiva.

Thomas Woodrow Wilson (1856-1918), 28º Presidente dos EE.UU. de América, foi elixido en 1913. Ó ano seguinte desatouse a Guerra en Europa, pero el foi remiso a entrar nela. Faríao en Abril de 1917 o cal sería decisivo para o desenlace. A Guerra finalizou co Armisticio de Rethondes o 11 de Novembro de 1918. Despois, Wilson, sería protagonista importante do conxunto de tratados coñecido como A Paz de París (1919-1920). Foi Premio Nobel da Paz de 1919 e impulsor da Sociedade de Nacións.

- A obra da Ponte Nova, iniciada en 1911 foi rematada e inaugurada en 1918, concretamente o 20 de xuño. É de supoñer que as obras da ponte e da estrada fosen simultáneas pois unha sen a outra non servirían de nada. De calquera xeito sábese que en novembro dese ano a tal estrada seguía sen nome e que o día 12 dese mes un grupo de veciños -entre os que estaban os homes máis importantes da cidade- presentaron unha solicitude ó Concello pedindo se lle dese o nome de Wilson, daquela Presidente dos EE.UU. de America.
Curiosamente a data da solicitude correspóndese xustamente co dia seguinte ó da fin da guerra. ¿Casualidade? ¿Eficacia? ¿Presentimento? ¿Improvisación? Fose como fose, o feito fainos imaxinar unha explosión colectiva de alegría e satisfacción. E tamén de supoñer que toda a admiración por Wilson vertida no escrito era compartida polas autoridades locais (pode que incluso houbese conivencia) pois o escrito foi presentado o 12 de novembro e aprobado por aclamación pola Corporación o inmediato 15 do mesmo mes.

Cóntase como anécdota un feito que non sei se estará avalado documentalmente, pero que é totalmente factible dado que a rúa levaba en uso menos de 5 meses. Trátase de que unha vez aprobada a denominación quixeron poñer unha placa co nome, pero, como aínda non había ningunha casa onde fixala, optaron por chantar un poste ó comezo da rúa e colocar nel a tal placa.

- Esa denominación estivo vixente durante 7 anos ata que en 1925 un novo acordo municipal dedicou a rúa ó vate celanovense Manuel Curros Enríquez.

Curros morrera na Habana en 1908. En Ourense, quizais movidos por un desacougo colectivo de mala conciencia, fixéranlle unha homenaxe en 1913, pero o sentir xeral era consciente de que Ourense debería de desagravialo e renderlle un merecido recoñecemento. Por iso en 1925 se lle dedicou esta rúa que xa comezaba a ter algunha presenza na cidade.


Prospecto do día da inauguración. (L.Mazaira)


Cando, nesta rúa, se abríu o Cine Avenida en 1948 (dous anos despois do Mary e sete do Xesteira) a opinión pública estaba dividida respecto á súa ubicación. Mentres uns afirmaban que ese novo cine quedaba moi lonxe e fóra de man outros consideraban que expandiría animación e actividade cara esa parte da cidade.


1

2

3

4

5

6

7
ESCRITO DA PETICIÓN POPULAR (Consérvase no Arquivo Municipal de Ourense
de onde foi "rescatado" por D. Pastor Fábrega que foi quen mo facilitou.)

 


Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2013