|
Polas lembranzas que nos trae e o carácter entrañable que ten para os pontinos da miña xeración reproducimos acó (co seu permiso) un artigo do querido amigo Pepe da Guardesa publicado recentemente no coñecido periódico mensual “Ourense por Barrios” (Nº 81, páx. 10).
A rúa das Caldas e as súas entrañables xentes na década de 1940 a 1950 (I)
Esta rúa naceu sendo a estrada de Villacastín a Vigo. Ao pasar a ponte romana estaba a casa de Correos e Telégrafos, a rúa do cuartel, a tenda do Sr. Cortés, o almacén de coloniais de Florentino Moretón, a rúa Mercado, a praza de abastos deseñada polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo no 1929, rematando as obras ao acabar a Guerra Civil, sendo o mestre de obras o pontino Manuel Canabal Torres. Nesta praza de abastos abundaban as carnicerías con carne de porco, cabritos, aves de curral, froitas, verduras, pescados... Ponte Canedo tiña matadeiro propio. Narrarei ás xentes que facían desta praza un exemplo de servizo á clientela: o Sr. Pitís e a Sra. Estrella, Paco Alegre, Sra. Olga, Emilio Vidal e familia, Tacones, Angelito, Os Araña, Sra. Leonor, Sr. Luis, Sra. Manuela, Sra. Guardesa, Sra Elvira, Sra. Dorinda e un largo etc.
A continuación a rúa Ramón y Cajal, a tenda da fonda do Sr. Claudio, os Ruices coas súas laranxas, a tenda de "Os nenos guapos ", a Sra. Chata, o bar Tabaco, o Sr. Zacarías, o mago das máquinas de sulfatar, a Sra. Amparo que tiña un establecemento de madeira que vendía dende pan ata bondade a todo o que se achegara. A rúa Queipo de Llano e a continuación a tenda de roupa do Sr. Parra, viña a ponte de ferro sobre a rúa das Caldas do ferrocarril. Seguíalle a estrada de Santiago, o Sr. Ignacio das Patacas, o almacén do Sr Areán, enriba vivía o médico D. Vicente, o almacén de ferros e trapos dos Prada (Sr.Pepe, Sr. Pablo e Sr. Ricardo), o Sr. Eladio das Patacas "O carboeiro ". De seguido a igrexa das Caldas sendo párroco D. Germán, de grato recordo, despois sucedéronlle D. Miguel que foi bispo de Mondoñedo e D. Jesús Pousa (Nesta década un raio destruíu o campanario da Igrexa sen causar danos persoais); o almacén de aves de curral, galiñas, polos e ovos de D. José Antonio Moretón, ao tempo non había granxas. Vou lembrar a un señor que dicían experto en coñecer o mundo das aves e ovos, o Paquiño, casado coa Sra. Adela de Reza A Vella. Del dicíase que ao entrar nas feiras de Arzúa, Chantada, Vila de Cruces... ao examinar as xaulas das galiñas ou polos, os animais se puñan contentos e ata os ovos se movían nas cestas. Eu era moi neno e a miña nai comezaba co primeiro bar e andaba por ali e lembro quen intentaba menospreciar a este señor e sempre lle contestaba "quen me dera a min ser o que pensas que ti eres ". Era unha moi boa persoa, moi especial. Viña o almacén de coloniais do Sr. Crespo. Tiña de contable ao Sr. Gasols, un matrimonio que veu de Barcelona, vivían nun chalet nas Tapias, tiñan un fillo, Manolo, que foi o meu amigo, e hai un tempo me dixeron que os irmáns Gasols de baloncesto descenden desta familia. Despois viña o laboratorio de D. José "O químico ". Era un home moi peculiar: creo que f'oi o primeiro industrial da Ponte con secretaria, era moi meticuloso. Ao tempo todo o viño que se vendía nos bares era a granel; usábanse para servilo nas cuncas ou vasos, xarras de barro; pedra ou mimbre parafinado con pez. Se che vía botar o viño dunha xarra a outra recriminábacho e dicía que non se podía facer copaxe, verba portuguesa que significa mestura. Ese home vivira en Portugal. O Sr. Antonio "O Galdós " era un home moi maior que fora panadeiro, estaba viúvo e só, a min impactábame a súa sabeduría. Ao verme sempre me falaba, solía dicirme "Pepiño, este mundo é dos nenos que xogan na rúa". Volveu casar e estaba ben economicamente, foi intelixente, xeneroso e ben atendido pola señora que o coidou na última etapa da súa vida. Logo viña a zapatería do Sr. Antonio “O Jajá". Había que entrar agachado e baixar uns peldaños, un home de gran simpatía, o Jajá, non só arranxaba os zapatos senón que era o punto de encontro dos veciños de Eirasvedras, no antigo Canedo, os cales bautizárono con este alcume porque se contaban chistes e se charlaba ao tempo que as cousas sinxelas agochaban unha gran felicidade. D. Luis das Pastas, a súa señora María montou na casa que fixo nas Caldas unha fábrica de fundas de palla para botellas e crearon moitos postos de traballo para as xentes de A Ponte. 0 Sr. Arturo, os carneireiros, soían levar as ovellas ao arrendo, un prado con monte onde están hoxe as Torres do Pino, onde xogaban ao fútbol as xentes das Caldas. (Continuará) Pepe da Guardesa |

