Esa situación competitiva inda se fixo máis ostensible cando se inaugurou o ferrocarril. A liña proxectada estaba trazada, dende Os Peares ata cerca de Guillarei, xusto pola marxe dereita do Miño, o que facía dificil e custoso cruza-lo río dúas veces para poder entrar en Ourense capital. A causa diso o Goberno decidíu construí-la estación na localidade da Ponte, no concello de Canedo, co conseguinte enfado dos prohomes ourensáns. En 1881 inaugurouse o tramo Ourense-Vigo e en 1885 o de Ourense-Monforte (onde empalmaba ca liña Palencia-A Coruña). A partir deste momento a pugna comercial establecida entre os dous concellos decantouse claramente a favor do da marxe dereita. Ó redor da estación fóronse establecendo comerciantes por xunto (almacéns), hospedaxes e casas de comidas, axencias de transportes, talleres, pequenas industrias, maestros de obras e artesáns, servicios, etc. O barrio acolleu xente nova e emprendedora que, en pouco tempo, o convertiron nun gran centro de actividade económica e social. Varios deses novos veciños eran importantes arrieiros orixinarios de Castela que ata entón se dedicaran a intercambiar productos galegos e casteláns, pero que, unha vez que o pesado labor de transporte podía ser feito polo ferrocarril, abriran depósito nos arredores da estación e dedicaron o seu tempo a unha venta e distribución máis cuidada. Algúns (os especializados en ferretería) establecéronse en Ourense, pero a maioría fixoo na localidade de A Ponte, en Canedo.
Os comerciantes e os políticos de Ourense, sempre celosos deste Concello veciño, volveron retomar a idea da anexión. En 1926 conseguiran formar unha comisión mixta Ourense-Canedo a cal fixara as bases para unha posible fusión, pero un levantamento popular fixo que se esquecera o tema. Acabada a guerra, en 1940 impúxose una anexión. Esta pasou por diversos avatares e foi derogada, pero o Gobernador Civil tomou cartas no asunto e prepararon outra que se materializou en 1943. Os documentos (dos que máis abaixo ofrezo algunhas mostras) aparentan unha escrupulosa legalidade, pero o que nos mostran é a Historia oficial. A Historia oculta fala de relevo da alcaldía polo dictado do Gobernador, de imposicións das autoridades e de un pobo que, se ben tiña uns plazos legais para facer as reclamacións que considerase oportunas, non estaba en condicións de facelo.
Naquel momento o Concello de Ourense víu incrementado o seu territorio, non só cos vilares de A Ponte e os de As Caldas (Parroquia de Santiago das Caldas), senón tamén cas seguintes parroquias rurais:
Arrabaldo (Santa Cruz),
Beiro (Santa Baia),
Canedo (San Miguel),
Cudeiro (San Pedro),
O Castro de Beiro (Santo André),
Palmés (San Mamede),
Untes (Santo Estevo) e
Vilar de Astrés (Purísima).
Hoxe, despois de tantos anos de vida en común e, sobre todo, ca mentalidade integradora e unionista dos tempos actuais (fronte ó gusto polos localismos dos tempos pasados), sería un absurdo pretender volver cara atrás a actuación política daquel momento, por moito que daquela fose unha cacicada e unha imposición. Sen embargo, o que non nos pode impedir ninguén é que sigamos pensando que Canedo existe. Xa non será unha unidade administrativa nin terá personalidade xurídica, pero segue a ser unha bisbarra xeográfica real e un territorio específico na lembranza de moita xente.
Anexos: Bases Comisión Mixta (1926)
Acta Concello de Ourense (1943)
Anuncios no Boletín dos dous Concellos (1943)
Certificado de ratificación do C. de Ourense (1943)
|